Hai dous xeitos fundamentais de loita nos que todos nos movemos para facer vida, para construír un mundo que desexamos moito máis humano e encantador, un mundo máis equilibrado e máis xusto, máis inclusivo e menos cruel. Hai un xeito combatente e belixerante, que en cada ocasión e momento arremete contra o que se estima inxusto ou improcedente. Aquel de denuncia e obstaculización, que se opón decididamente aos feitos considerados indebidos, ousados, de enfrontamento continuo ata acadar os dereitos furtados ou a luz que se persigue.
Don Uxío García Amor

Don Uxío García Amor. Foto: LV.

E hai outro xeito, distinto, moito máis tranquilo, que é o do diálogo, da comprensión pausada, do tempo demorado en prazos, en accións que comporten a razón que, ao final, sustente as canles do entendemento. Esoutro xeito que crea os necesarios pousos que afirman os esteos, de avance, de consentimento común, de asentamento en evolución, quizais de progreso. Esta última é unha metodoloxía máis lenta, de máis tempo pero de máis firme calado. É ese xeito que valora, modera, medita e fai posible, mesmo aquilo que parece máis improbable. Polo medio dos dous xeitos sinalados, pousado e belixerante, hai variantes de todo tipo que van desde a beleza ata o horror, desde o xeneroso ata o mesquiño, desde o ben ao mal.

“Soubo entender a mensaxe sublime dos afectos”

Don Uxío García Amor é un home traballador e silandeiro, un crego humanista, amante da música —e iso, en si, xa é unha condición de dignidade xenerosa— desde a práctica desta, onde se fai contaxioso ese sentir “xuntos” e comunicar o que levamos dentro, de ser emisores ou receptores de ansias indescritibles, nas que o Sol se representa en clave ou en forma de nota. Así fixo sentir el, a toda aquela xente cando dirixía o Orfeón de Mondoñedo ou da Polifónica Vilalbesa, na delicada expresión, emocionada, adiantando sempre a Nosa Música, a que se fixo nesta paisaxe enorme que nos conmove e leva polos camiños de tantas melodiosas nostalxias e melancolías, nesa tonalidade menor de tenruras cheas.

Como bo teólogo e bíblico que é, soubo entender a mensaxe sublime dos afectos, a importancia dos silencios. É amigo de todos, calado, incapaz de alzar a voz para dar un berro quizais impositivo, quizais de prevención.

Don Uxío non é de berros, nin de obrigas, nin de imposicións ou irreflexivo, non. Non é arroutado, nin de empuxar violentamente. Nin sequera é de xuízos, moito menos deses que hoxe tanto se usan, apresurados na condena. Moito menos é de insultos ou de incongruencias, nin de afrontas ou aldraxes, ou inxurias. É máis —por iso é sabio— de seducir, de indicar, de estimular coa palabra, coa considerada pauta dos tempos, dos prazos. E, sobre todo, algo importantísimo: de seducir co exemplo! E un home de exercicio, de paz e paciente. Algo dificilmente recoñecible nos tempos que nos habitan e corren, condenados tempos deixados de memorias.

“D. Uxío é unha persoa de paz e entendemento”

Pero el leva o seu ritmo pousado. Aprendeu nunha escola única de entendemento, a Escola Poética Mindoniense, onde se teceron os máis tenros cantos de Nadal, por exemplo. Alí nesa escola da vida que se expresa a poucos, pero con total precisión, acorde aos latexos dos pulsos que acrecentan a ansia de voar e de espallarse. Por iso D. Uxío é unha persoa de paz e entendemento, de construír a base de esperanzas. E, claro está, pertence a ese segundo grupo de acción que indicaba no principio. É dos que non para, un precursor que toma as cousas para a súa resolución con intelixencia, sen apuro. Ten as angueiras frescas no seu caderno de notas mental. Acorda de todo e coa prudente andaina do tempo, decide intervir facéndose colaborador para calquera labor de significada observancia.

Artigo web O Progreso Uxío García Amor
Don Uxío, xa superados os noventa anos, segue a ser un rapaz que escacha a rir cando atende á obra de teatro do Menciñeiro a Paus, ou acode lixeiro ás presentacións de libros, aos concertos, ás celebracións culturais e todas aquelas xuntanzas conmovidas de afectos e recoñecementos, aos actos de dimensións estéticas e puntuais para a consideración humana, en toda a Terra Chá e nos seus arredores. Antes poñíase alá, no lonxe, onde non se apercibisen del. Agora vén para adiante, por mor de sentir ben o que se di e se fala.

“Segue a ser un rapaz que escacha a rir cunha obra de teatro”

Leva moito tempo formando parte desa nosa paisaxe humana que nos conforma, forma parte dese atlas de dilixente extensión que enche os ollos no alén de horizontes, tamén o pensamento e a lonxitude dos afectos. É unha boa persoa, atenta e considerada, que nos trata sempre con esa nobreza da atenta correspondencia, da educadísima moderación, da enorme dinámica da súa estimada atención que é propia dunha estirpe xeracional que axiliza o investimento en consolos, nesa fortuna de abrir camiños e confiar, pois todo debe chegar e ser posible, despois de meditar, para facelo accesible.

E eu quixera deixar así expresado o meu agradecemento cara a el, sobre todo por ese seu exemplo incólume de perseveranzas, de fidelidade. A verdade é sempre única e auténtica.