Quédame, do meu amigo e compadre, lembranza fermosa de aconteceres vividos. De xeiras e días compartidos, soños soñados e non sempre acadados que foron a un tempo soñados. Algúns espiñentos, mais quedaron moitos moi bos. E cando un perde, coma neste caso, prematuramente, un bo amigo, queda nunha soidade recorrente moi grande, nese baleiro que ocupaba Suso. Sei que algo-moito de min se foi nel e algo del, moito tamén, quedou para sempre en min. Suso foi amigo como non souberon moitos ser, mesmo esclarecedor. Dos que che daba canto tiña. Ese era o motivo polo que tiñamos tantos soños, tiñamos tan pouco que eran os soños os que compartiamos. De aí veu o noso trato de irmáns, porque estivo sempre. Sobre todo cando outros non estiveron, nin saberían, nin serían quen de estar.
Sei que algo-moito de min se foi nel e algo del, moito tamén, quedou para sempre en min
Foi irmán tamén porque sendo amigo del, acadabas a condición de propietario, eras amigo dos seus amigos, familia da súa familia, compañeiro de ruta polos seus máis reservados recantos. A casa de Suso era, eu sabíao ben, tamén a miña casa, como a casa dos seus pais que –naqueles primeiros tempos de Fuxan os Ventos- foi pensión e fonda daqueles que iamos polo mundo cantando e procurando erguer corazóns propios e alleos.
Empezaba a acontecer isto nun tempo pardo, cando só se vían as cousas en branco e negro. Na cor virada, como as fotos, a distintos graos de amarelos que pintaban, nunha ansia de fantasía, os grises das imaxes coa cor triste dun tempo perdido. Anos setenta e pouco, cando nos comezos dun grupo iamos ao Porriño cantar, ás marxes da lei imperante, cun repertorio de cantigas cheas de hourizontes. Xa estaba alí Suso e a súa familia, lembro perfectamente a Loli, a súa irmá, cun xersei azul. Suso, ao final, abrazouse a min e dixo: …Sodes teta de novicia!
Desde entón como irmáns e irmáns fomos. Xuntos pasámolas duras e brandas, pero sempre xuntos. Co tempo, as duras abrandaban nos nosos corazóns. Non había secretos. Deume a entender moitos erros que tacitamente eu asumía. Pasado o tempo, afirmamos a irmandade con vínculos como o de eu ser padriño do seu único fillo, Susiño. Celebrado con banquete e festa. Como debe ser, agora eramos compadres! Asentamos irmandade ao longo do tempo. Actuacións, loitas, desesperos e agradables xeiras, sonatas e convividos. E toda a sinceridade dos amigos, longas discusións que vaticinaban un futuro prometedor, ese que nunca chega.
Volver atrás nas lembranzas obrígame a parar diante do tempo. E buscando a Suso, póñome triste polo moito que tivemos e xa non temos. Esa é a vida. Pasou entre nós e deixou unha pegada enorme e un tremendo baleiro. Coa satisfacción de poder cadrar no tempo, de estarmos xuntos nesa sincronía feliz da vida e da ledicia, mesmo dos problemas. Eles –os problemas– foron precisamente os que máis nos confabularon. Axudámonos neles para medrar e chegamos a afondar aínda máis aquel vínculo afectivo da amizade. Eran algúns dos malos momentos para cantores e para a canción, para toda a palabra acendida e certeira.
Suso quedou, como diría o Manuel, prendido nas silveiras dos camiños
Cando miro atrás, dáme certa mágoa contar cousas que levo seladas no corazón, moi a dentro. Que só desprecintamos cando caemos na melancolía e cando imos de viaxe e pasamos por lugares que aínda desprenden recendos, nas rutas de Pontevedra e Vigo. Alí aínda está o Suso. E expresamos en alto pensamentos gratos que se aveñen aos acordos. Si, porque Suso aínda non marchou de todo, estará fiel mentres del acordemos. Quedou, como diría o Manuel, prendido nas silveiras dos camiños, e para min tamén en certas cadencias musicais que o evocan, e no ar dos solpores cando a noite adiviña aconteceres e nesa melodía estremecida dun bonito cantar, nos recendos misteriosos dalgúns moi breves momentos que se desfán en algoritmos repenicados dun lamento. Quizais no dúo de voces aproximado ás altas horas, ou nun concerto solidario de patriotas, ou no bocata a media tarde dun domingo, entre as probas de son e nos cafés apresurados dunha festa… Como se podería contar todo iso en breves verbas?
“Quixo o paxaro pousar na ponla o seu chío.
Tentou e tentou deixar aquel son no ar suspendido.
Quixo o paxaro pousar na ponla o seu chío.
No aloucado intento, cantou e cantou, …morría co frío!”.