Moncho Valcarce, cura rebelde e comunista que fixo forza co pobo do rural , aquel máis humilde, para reclamar a dignidade da terra en propiedade, semente para garantir porvir e na honra de ser o seu pastor. O cura das Encrobas converteuse nun referente galego e nacionalista da loita pola xustiza, tantas veces ausente. Ser entrañable e de fala arrodeada de fume, como néboa que envolvía no segredo o servizo e o amor para os demais, asentou na Coruña e pertencía á pequena burguesía da cidade. Desde alí conciliou un marxismo coa fe nun Cristo liberador, dando como resultado a defensa dos dereitos humanos desde loitas obreiras, detencións, paus. Un novo Basilio Álvarez, segundo Queiruga.
Moncho Valcarce converteuse nun referente galego e nacionalista da loita pola xustiza
Moncho convértese, tamén, a unha fe especial participada no común, na humildade, nunha igrexa espida de poder e preparada na pelexa da vida pola vida, en comunidade. En Sueiro e en Sésamo sementou a forza da razón, do entendemento, aceptando as causas do rural galego, pero a cambio da razón da forza feita malleiras. En 1974 detéñeno en Betanzos e recibe unha tunda brutal, encarcérano na Coruña e vai recluído ao Mosteiro de Poio. Ingresa na AN-PG no 1977 e participa nas loitas populares de suposta renovación e conquista polos dereitos sociais que a ditadura negaba. Sempre sae detido e coas correspondentes ameazas, multas e reprobacións do goberno e da igrexa. Fora en maio do 77, nunha manifestación na que os veciños piden a devolución da praia, espoliada por unha empresa areeira e, nas marismas, onde a policía carga contra os manifestantes, entre os que está o Moncho. Paus de novo e desde alí mesmo lévano á cadea. Pero el está en fe, sabe que ese é xa o seu camiño definitivo, non haberá marcha atrás nin rectificación ao seu espírito comunitario de loita. Implícase tanto que recibe o carné número 1 do Sindicato Labrego Galego (“Se queremos que algún día remate a explotación á que estamos sometidos, soamente o conseguiremos cando cada labrego teña un carné das CCLL no peto”). Na evidencia da súa conversión ao nacionalismo vai de candidato ao senado polo BN-PG nas eleccións xerais. No 79 convértese en concelleiro de Culleredo, onde se mantén tres lexislaturas.
“Todo desde unha opción de fe”, por iso non buscou protagonismo persoal, aínda que sufrise por reivindicar os dereitos dos máis desfavorecidos. Daquela xa tiña unha longa e intensa experiencia política, pola súa participación nas loitas populares das Encrobas, Xove e Baldaio, como anos despois nas Enchousas. Non se debe esquecer cando cos labregos desafiuzados (1984) aparece a impresionante imaxe de Moncho subido ao cazo da escavadora que quería derrubar as casas. Tamén foi detido e foi cando lle fixeron a longa reportaxe naquela revista sensacionalista de Interviu.
Non buscou protagonismo persoal, aínda que sufrise por reivindicar os dereitos dos máis desfavorecidos
Despois bota desde 1987 a 1988 en Salamanca, nun curso de posta a punto –a ver se o facían caer da burra, seica– na Universidade Pontificia. Alí escribe o traballo O compromiso político dun presbítero nunha realidade concreta: Galicia, onde declara o seu compromiso cristiá pero enteiramente galeguista. De alí, para As Pontes, onde volve ao traballo pastoral nunhas parroquias limítrofes coa diocese de Mondoñedo, agora supervisado e coordinado co equipo de curas e monxas desta vila. Aínda participa nos conflitos de Larín, en apoio dos caseiros. É entón cando se lle descobre, a finais de 1991, un cancro que o come nun ano e pouco; morre en febreiro do 1993. Sufriu porque moitos dos seus compañeiros na loita non participaban das súas opcións de fe. Sabían que Moncho, ademais dun militante e profeta da loita, era un místico. Non chegaron a descubrilo ata despois de morto, cando leron a publicación do seu Diario, onde dá relato ao seu pensamento. Obra de gran dimensión literaria, na que, “condenado a morte”, escribe o seu credo máis íntimo e veraz, o do Cristo liberador e infatigable diante do medo e da dor que nos encollen. Fai un canto á fe xustificando a súa postura como un camiño de vida, de sementeira fértil cara á luz, cara a adiante na esperanza, no amor. Pon en valor a oración para o consolo, para a reconciliación con nós mesmos. “Andamos a buscar milagres por todos os lados, e non vemos o gran milagre cotián da multiplicación dun mesmo Pan que está na Gaiteira e nas Pontes, no Cebreiro e A Garda. Aparicións dun mesmo Cristo que cura as doenzas do espírito, dá alentos físicos e cando nos xuntamos dános a man e di: Ven, non teñas medo”.