A Antonio Gandoy chamábao todo o mundo o cura da bicicleta. Era ese o seu medio de transporte. Viña sempre de alá lonxe, dándolle pedal á vida. Cando me vía, paraba e andaba un anaco comigo para falar cousas, do máis actual.

Gandoy, era un home que nunca dubidou, tiñas as cousas moi claras e estaba seguro daquilo no que cría. Sempre tiña moito que dicir, sen calar nada. Pero sobre todo tiña moito que facer, e aí era onde sempre atinaba. Entendía que había moitos que falaban sen ter nada que dicir. E iso, coidaba, era usurpación.

Cría que se podía cambiar aquel estado de cousas no que se vivía

Cría que se podía cambiar aquel estado de cousas no que se vivía, anos de mil novecentos setenta e oitenta e pico, era necesario levar o ensino aos enfermos, aos poboados xitanos: había que facelo, había que empezar xa. Eu sendo mestre no Picato, ao vir de tarde seguía cara ao poboado xitano nas aforas da estrada á Fonsagrada. Tiñamos clase polas tardes, viñan ben deles, de distintas idades. Todos querían aprender a ler e escribir. Motivábaos o carné de conducir. Querían unha “fregoneta” para recoller os cartóns e cousas para a revenda. Era posible unha escola infantil, para nenos do rural, unha escola na casa: Preescolar na casa. Despois púxose en marcha un proxecto para toda a provincia, despois toda Galiza. Ao final destruírono aqueles que dicían que era un parche. E quedamos tamén sen parche!

Sabía que era posible unha economía de mercado sostible e máis equilibrada e humanizada e unha planificada, para atender xente marxinal daquel entón. Así, fomos a aquela obra na Ronda da Muralla. Pedro –un alumno da escola no poboado das aforas de Lugo- traballaba alí, tiña xa 60 anos, xitano e maior, subía e baixaba materiais da obra sen descanso, estaba sen protección ningunha e sen asegurar, nunhas condicións economicamente lamentables. El falou co contratista. Dixemos coñecer os feitos e o abuso. Falamos de poñelo en coñecemento das autoridades. O contratista, apurado e descuberto, preferiu amañar as cousas e poñer en orde o contrato e as condicións salariais de Pedro, mesmo pagar algún atraso.

Sabía que en Galiza había unha inquedanza política de se facer valer, de ser quen somos en propiedade de nós e de lingua, de dereito do pobo a exercer o seu goberno. El falaba, xa daquelas, dunha república federada de pobos sen estado, nos que –renunciando ao emprego da forza e á dependencia servil- poder chegar a convivir en paz na diversidade, no respecto e consideración. Cousa que aínda hoxe non pasa.

Hoxe abonda a teoría pero, na práctica, Antonio estaría reivindicando recoñecemento e respecto polo noso. Era un líder social sen vínculos directos a siglas, de esquerdas, desa esquerda activa que busca sempre poñer en claro as cousas e, despois, se procede, falar. Traballaba cun gabinete de avogados –con Esperanza Silvosa e o Pumariño-, fundamentalmente laboralistas que conciliaban coas causas dos pobres e das perdidas, para defender a dignidade.

Era e foi Gandoy, un reformador adiantado, capaz de conciliar palabras –non moitas, as precisas- para o entendemento, primordialmente actuaba e despois buscaba como articular nas palabras o resumo dos feitos, e a seguir traballando. Queda unha escultura del, no principio dunha avenida de Lugo, tamén alí está coa bicicleta. Memoria agradecida para Gandoy, amigo na loita inacabada.