Debo advertir, antes de nada, que non poderei, nin quero, ser obxectivo nas miñas verbas, aínda que o pretenda, porque sería inútil e de antemán admito non facelo, xa que a miña subxectividade sería evidenciada. E, así, sabidas as cousas, agradezo na vosa lectura a discreción debida por ser causa de abondo, comprender que é un bo amigo, dos de verdade e por el eu sería quen de mentir. Pero tamén sei que poderá ser tamén disimulada a miña actitude, coa complicidade do lazo común e estima que por el, seguro, sentimos.

Pintor é un trazador de soños mediante a verba endereitada en versos e en confabulacións secretas coas musas

Por riba podería falar da faceta máis común deste noso amigo, do Xosé Vázquez Pintor, e quedarme nese matiz, non menor, de mago e escritor. Aínda que diante doutros aspectos máis ignorados, a min paréceme tan só auxiliar e adxacente daquilo que o fai tan boa persoa. Podería dicir del que é un trazador de soños e que o fai mediante a verba endereitada en versos e en confabulacións secretas coas musas que o inspiran por alén dos relatos. Sabede que Pintor rebusca no seu enxeño o deseño preciso, desde os ollos atentos á beleza e que, por suposto, xa na súa alma habita. A arte que ten para ese labor, aínda que quere ser imitada por moitos, non é doada e fracasa en múltiples intentos coñecidos. Debo advertir, novamente, que moito do que perciben os seus ollos, en trazos, chámanse –os seus ollos, en realidade– María. María é con el a unidade feita vida, feita familia, feita casa, feita Patria, feita escrita e utopías. Van xuntos, na precisión que se volve discurso auténtico, na voz del, do meu amigo, do noso amigo.

Pero non, eu non quero abondar en verbas que xa outros –seguramente– dixeron ou dirán, ao redor da escrita de Pintor, do pintor das moitas realidades, incluso as máis pequenas que con el compartimos en clave de fantasías, esas que se debuxan tamén musicalmente, en ton menor dunha melodía, para facerse coa propiedade do sinxelo e da tenrura, tan pouco cotizadas nestes tempos e á baixa dos fastos sociais que imperan. Ocorre con moita frecuencia que detrás da obra está a vida e para algúns ten máis valor –por tela compartido– ca todo aquilo que poida contar. A min chámame a atención o seu carácter, o seu porte, a súa actitude vital e rebeldía, os seus costumes, aquel perfil pícaro, no que nos facemos cómplices, aquela inxenuidade, a tenrura, as intuicións e os medos. Aquilo todo que en verdade somos.

Vou, xa que logo, falar desa inmaterialidade apegada aos afectos, precisamente da “amizade” como vínculo poderosísimo de esclarecemento, de liberdade en posesión, de satisfacción vital duns cantos tolos que aínda cremos que Galiza pode e debe ser, certamente, outra cousa. Ese todo que moitos ningunean e mesmo profanan para contaminar o ambiente, en argumentos da soberbia, da torpe debilidade teórica sen exercicio, quizais de negación que, hoxe e agora, non veñen a conto neste contorno.

A Pintor fíxoselle honra e homenaxe en Melide, na Agolada, en Lalín e participei daqueles actos entrañables de conciliación e recoñecemento, tamén entre amigos. Reciteille algún poema, feito para el –María e Pintor– e despois asistín e participei novamente noutros actos da Fundación de Piloño, a do común amigo estrañado e querido Lareo, creador tamén desta tribo de irremediables idealistas, románticos e utópicos perdedores, dos que saímos necesitados doutra realidade para perdernos en nubes de tantos soños, soños que non caben no corazón nin na “chola”! Pobres de nós! Andamos así e, de súpeto, recorremos ao sarcasmo e con certa insolencia pregoamos en forma de palabras aqueles trazos do desexo esperanzado. Facémolo para manternos vivos e activos, no sentimento de persuadir e crer na potencialidade que sabemos e temos, como Pobo e Nación. Certos de que un día, seremos Nós e donos. Reconfortámonos, para non desfalecer, nas lembranzas da orixe, alí onde máis orgullo sentimos, no noso Quián das entrañas, o Quián que cada un temos. Gobernando o mundo desde a fiestra que mira ao lonxe, desde a nao que busca horizontes novos de ilusión.

Naquela ocasión de Piloño, lembramos xuntos que naquel sitio marabilloso habitaban espíritos positivos da máis honesta afección, que por alí estaba Anisia e Neira Vilas, que estaba Avelino, o mesmo Paco Lareo, tantos ausentes que, eu sei, nos miran desde a nostalxia. Habitamos, como moitas veces, lembranzas marabilladas en xeiras de arte e beleza, aconteceres perfectos para agradecer, para non esquecer os camiños da Dignidade por eles trazados. Tamén cantamos varias cantigas de amor e de memoria, cos amigos. Fixémolo a corazón aberto para dicir a necesitade que temos de sentirnos nesa ledicia da aperta e do serán pousado, do sorriso esperanzado tamén en propiedade.

Despois fixemos fotos e entre cantos e contos, picamos na empanada e no viño, chourizos asados e poderosos, que tiraban das cores e das picaraxadas –moito lle gustan ao Pintor os chistes verdes!–. Todo entraba en vea directamente para aumentarnos fantasías e a capacidade de rirnos de nós mesmos, tamén do colesterol. Que máis se podía pedir. Estabamos entrañablemente ben, nese instinto solidario e comunal que nos reconfortaba. Foi así un encontro máis en calquera lugar da nosa xeografía, cun amigo, nunha tardiña de xullo que nos facía encher o ollo de brillos, por estarmos tan cheos de gozo.