Pídenme achegar un testemuño sobre Ramón Díaz Raña, nos seus tempos de crego de San Sadurniño. Síntome moi afortunado por terdes pensado en min. Moitas grazas.

Son condiscípulo de Ramón nos doce anos de estudo desde 1951 ata 1963.

É ben difícil escribir sobre o pasado de alguén, porque a realidade é sempre moito máis rica de como un a ve e a viviu. Pero tamén, sen esa visión de cada quen, a percepción desa realidade fica sempre menos completa. Moitas teselas xuntas fan un fermoso mosaico.

Acabados de ordenarnos sacerdotes, unha equipa de tres compañeiros estabamos destinados para unha misión especial en Brasil. Finalmente non puido ser porque o bispo pensou en Ramón para secretario persoal. E foi ben así.

Quen queira coñecer a Ramón debe ler os seus moitos escritos en distintos medios, linguas e publicacións. Pero, aínda así, a persoa segue a transcender todo iso e eu quixera centrarme hoxe no home que eu coñecín e como me impactou.

Desclasouse da clerecía cara o mundo do campesiñado e emigrantes do que el procedía

Na súa longa enfermidade fun un máis dos que mantivemos relación moi achegada cando a vida xa nos sitúa fronte á nosa verdadeira verdade persoal e esencial no encontro persoal co Deus da paz. Foi un home moi de Deus e profundamente crente no Xesús dos pobres, enfermos e necesitados de promoción humana e de espiritualidade transcendente, asentada cos pés na terra, revitalizadora de todos os avatares humanos.

Iso que forma parte do máis íntimo en Ramón era a fonte da súa riqueza persoal e da creatividade extraordinaria traducida en feitos: Catareliña, cooperativas, conversas nas casas, Boa Nova, Movemento de cregos e leigos, etc

O Ramón que nós coñecemos, adulto e xa feito, é froito de moitos influxos universais. Viviu en Roma todo o Concilio Vaticano II. E tivo a grande sorte de participar a cotío en primeira persoa e moi activamente en todos os actos celebrados na igrexa de S. Pietro, con influencias directas a través de moitos bispos de tendencias abertas. O coñecemento do mundo que aquilo lle deu foi amplísimo e profundo.

Ramón foi un home dunha gran visión. Desclasouse da clerecía cara abaixo, cara o mundo do campesiñado e emigrantes do que el procedía, no que había un latexo de vida e unha esperanza que comunitariamente tiñamos que facer posíbel no imposíbel para que rexurdira no máis aló dos desconcertos do tempo. A dinámica dos pobos. A alma colectiva é a que temos que saber recoller. Aí hai moito máis que figuras individuais: Está o “Nós”.

Posteriormente volve a Roma á Universidade Gregoriana para ampliar estudos. Ía para bispo se non cambiasen os aires con Monseñor Rouco. E chegou a lei do péndulo, coa xeira máis conservadora nas políticas de exclusión de Margaret Thatcher e Ronald Reagan que aínda perduran hoxe no mundo.

Non vou falar de Saraibas nin das obras materiais nas que el mesmo traballou fisicamente. Nin sequera de “O Pumariño”. Diso sabedes máis e moito mellor os de aquí.

Porta Cantareliña
Pero si vou citar o seu papel decisivo en tantas cousas:

Na Romaxes de crentes galegos. Sempre con Saraibas. E a súa participación moi activa na creación de Irimia e Encrucillada.

Na Reforma da Igrexa en Galiza, sabendo que ela tiña aínda un papel moi importante.

Encontros de cregos galegos na liña conciliar e aberta do Vaticano II en reunións, aquí, cada 15 días.

As súas viaxes percorrendo quilómetros sen xeito e ás deshoras por España e pola nosa Galiza enteira para logo non encontrar a persoa que ía ver ou volver para a casa con un non descorazonador. Pero el volvía a teima.

A Lotaría do “Gordo” en Santaballa. O intento de convencer a xente para reinvestir en negocios rendíbeis para eles, certamente, pero tamén pensando en prol da Galiza e non en desbaldos baratos e efémeros, para que non se esfumasen decontado polos sumidoiros da gran banca en intereses foráneos, distantes de nós e da mellora do noso país, como así sucedeu. Non foi quen de os concienciar e acusábano de ter intereses persoais e especulativos. Iso doeulle. Non era verdade. Cansou.

O conflito das Enchousas que vivín moi de perto, como tamén Martiño, Moncho Valcarce e un grupo de cregos e leigos. D. Miguel Araújo, o bispo tivo unha actitude profundamente evanxélica.

a súa memoria perpetúase na memoria do “Nós” colectivo

Todo iso e moito máis merecería varios artigos de fondo para facermos entre todos unha aproximación á verdadeira figura non só de Ramón, senón de todos vós, os anónimos que vivistes esa época conxuntamente con el. Se pensades facer unha publicación que realmente nos achegue e nos perpetúe o home, a persoa, o crego, xa sería ben. Pero con el todos vós. Porque esta praza é de todos vós.

Esta celebración é imprescindíbel. Pero a súa memoria perpetúase na memoria do “Nós” colectivo que é quen lle dá consistencia e transcendencia ás comunidades, máis alá do tempo, das persoas e das vidas individuais. Eu anímovos a tal empresa, que non é moi custosa economicamente e si favorece novos actos da nosa memoria. E en vós hai vida e xuventude. E hai autoridades que vós elixistes e que están aquí presentes. Estamos diante dunha personalidade moi rica pero moito máis se a situamos no medio dos seus fregueses como el estivo sempre.

Se faltades vós e as xeracións vindeiras, podemos ter unha corda illada que dá unha notas solta ao aire. E xa é moito. Dá o ton. Pero se á guitarra lle falta a caixa de resonancia que sodes vós, a comunidade das terras de San Sadurniño, daquela non pode haber música. Só convosco, con Ramón no medio, pode haber novas melodías e cantareliñas. Só con vós pode seguir a historia viva e non só recordos perdidos na memoria. Ben o merece San Sadurniño.

Vou pedirlle prestada a Curros Enríquez o poema “Pola unión” para expresarvos os vivos desexos de Ramón Díaz Raña no día de hoxe e sempre:

Galegos que me escoitades, / galegos que a verme vides
hoxe de eiquí non saídes / sin face-las amistades!
Das nosas debilidades / o diaño non se ha de rir.
Vámonos todos a unir, / matando rencores cegos;
que na unión dos bos galegos /está da patria o porvir!

Que a mensaxe de Ramón Díaz Raña siga sempre viva entre nós. Moitas grazas.

1 – Acto oficial ao que fomos convidados Martinho Montero e mais eu. Extracto do texto publicado en Galicia Dixital