O Paco Docampo era quen de conservar o humor contando historias, apreixándonos sen présas, nese humor rebelde que eleva o medo á categoría de argumentos e con voz de carrascos que asubían nas silveiras, modulado da retranca máis fina, matizada en tenruras cheas de ironía entre aqueles ollos agudos e pequenos da picardía xusta que alivia a dor. Movíase polos intrépidos desenvolvementos da maxia de final feliz, no arredor das notas musicais que cantan e contan emocións, viaxando ás marabillas imprecisas dos horizontes compartidos. Era cabaleiro da Severísima Orde da Ferradura. Case nada! E case ninguén o sabía!
Somos parte de ti na túa lembranza
En maio do 2018 démoslle o Premio “Mártires da liberdade” en Carral. E alí falamos tomando uns pinchos e mollando a palabra nun breve grolo de viño tinto. A vida, resolvemos, compártese ou se non, non é. Algúns non saben dese xeito de convivencia tan especial no que nos chamamos “irmaos” do que saímos medrados na forza, ese vínculo eficaz de compartir participando ao conxugar coincidencias do bo e do menos bo, por estremecidos labirintos, partillando recendos que enchen a atmosfera daqueles momentos máis entrañables da loita, do descanso, do desespero, da paz e do conforto. É a vida acumulo de imaxes e é aí onde entra a verba conciliadora, a palabra comunicativa que nos leva por alturas de soños, a música que nos eleva do chan para tomar perspectivas e ver, verdadeiramente, o que as imaxes dos ollos non amosan. É aí onde entramos nese vínculo eficaz da vida, toda unha vida, desde o sosego da man con man. Aparecen ecos de contos que sempre se contaron, melodías xa sabidas que volven, como non, ao seu espazo necesario. Preparan para levarnos ao medo e, diante del, resolver vitoriosamente o seu embate. Un redobre marca emoción e suspense, reaccionamos acompañados das nosas soidades. Desde a calma xorde unha música doce con tonalidade menor e esperanzada, suave e harmoniosa, feita a voces dun coro, dunha orquestra feliz que interpreta os tempos. É unha cantiga alaranxada que se mete directamente nas entrañas para reaccionarmos xuntos na ledicia de sabernos e nas mágoas de entendernos vulnerables. Chega en forma de banda sonora, vibratorias ondas e reflexos de luz que suavizan a voz tenra e acolledora: “…dime amor, en que mar están as bágoas que eu chorei…, porque o medo feito sal eu quero ver”. Entón facémoslle fronte e, aínda que somos un atado de arrepíos e temores, é seguro poidamos rir deles e reducilos á indefensión… Moitos morren xa avergoñados. Contando e cantando. Como cando lle fixen –lembramos– aquela canción que quería para Prolingua, que falase da honra de exercer nesta Lingua, cos porqués, razóns e senrazóns. Quedamos satisfeitos, emocionaches alí naquelas formas ondulantes, acadamos a quietude necesaria para non precipitarnos, reaccionamos á parálise falando versos, ao illamento sentíndonos arroupados para dar resposta desde o común pensamento, coas artes necesarias, co encontro feliz da celebración, da identidade que mata as dúbidas, as sombras e os temibles ataques súbitos que nos poidan derrotar, que non vencer. Arrepoñémonos para o esclarecemento das tantas mentiras que nos contan e que nos arrodean na publicidade. E, ao fin, poñemos algo de luz a tanta noite.
Grazas por estar e facérmonos partícipes desta irmandade que loita por ser e por estar
Por iso, Xabier, agora que hai un ano do teu pasamento e que andas eidos da nostalxia, grazas por ser aquel que encaraches os medos e falaches deles, por escribir e describir todo o teu mundo, que é o noso, para perdelos e seguir. Somos parte de ti na túa lembranza. Grazas por estar e facérmonos partícipes desta irmandade que loita por ser e por estar. Grazas por xuntos movérmonos na dimensión que proxecta esperanzas, nesta afirmación necesaria de ser quen somos, en propiedade e con orgullo, coa vontade firme de habitarnos mutuamente, na Nosa Lingua, seres honrados do noso e que auto-xestionan e resolven –tamén xuntos– as súas dúbidas. Todas cantas persoas te souberon queremos deixar constancia agradecida da túa honestidade. O noso recoñecemento abre o mundo noso dos xa mártires da dignidade, da honra a tanta historia que nos afirma e fai proletarios dos infindos soños, compartidos xa na tribo Chairega e levados por Galiza adiante. Case todos eles aínda están por traer a nós en forma satisfeita, servirán para lle facer fronte a ese porvir que nos agarda!