A intelixencia artificial, os móbiles e as redes sociais están a transformar a maneira na que os adolescentes aprenden, se relacionan e ocupan o seu tempo. Familias, docentes e psicólogos discrepan nesta reportaxe sobre cando poñer límites e como preparar a mocidade para un mundo dixital no que a AI ofrece respostas inmediatas, pero carece de humanidade. O reto non é escoller entre tecnoloxía e educación. É decidir que lugar ocupa cada unha.
Un rapaz de 14 anos chega ao instituto despois de pasar máis de unha hora diante da pantalla. No recreo apenas fala cos compañeiros. Á tarde fai os deberes coa IA, consulta TikTok mentres estuda e remata o día con catro horas de redes sociais.

É unha escena posible na vida de moitos adolescentes. O móbil, as redes e a IA ocupan cada vez máis espazo no estudo, no ocio e nas relacións. Facilitan información e comunicación inmediata, pero tamén suscitan preguntas sobre atención, saúde mental, autonomía e o papel dos adultos.

Isabel Álvarez, portavoz de Adolescencia Libre de Móbiles de Galicia, lembra o momento no que comezou a preocuparse polo uso dos teléfonos entre os menores. Foi durante un almorzo familiar. Os seus sobriños, de entre 12 e 14 anos, estaban cos móbiles diante. “Non cruzaron palabra con nós”, conta.

A partir daquela experiencia comezou a observar outros adolescentes e a buscar información sobre os efectos do uso intensivo das pantallas. O colectivo defende atrasar a entrega do smartphone e reducir a presión social que leva moitas familias a darlles un teléfono “porque todos o tiñan”.

Desde 2023 promove un pacto de familias para atrasar ese momento. Segundo Álvarez, xa son máis de 33.000 as familias adheridas. A proposta non consiste en deixar os menores incomunicados. “Poden ter tecnoloxía, pero non barra libre dixital”, resume.

Algunhas familias optan por teléfonos sen internet ou reloxos intelixentes e propoñen utilizar ordenadores en espazos comúns, con filtros e controis parentais. Non sempre é sinxelo. “Queixanse? Ás veces de que non se enteran de que falan os compañeiros porque saíu algo en Instagram”, recoñece.

A súa preocupación abrangue tamén as redes. Ao seu xuízo, están deseñadas para manter os usuarios diante da pantalla mediante o scroll infinito, os algoritmos e os estímulos constantes. “Ti es o produto e os anunciantes son os clientes”, sinala.

A mocidade ante as pantallas

75%

75 % do alumnado galego de 5.º e 6.º de Primaria (10 a 12 anos) ten teléfono móbil.

15%

15,5 % do alumnado galego de 14 a 18 anos presenta un posible uso compulsivo de internet.

18,9/

19,9 % das rapazas presentan un posible uso compulsivo de internet, fronte ao 11,1 % dos rapaces.

*Fontes: V Enquisa de diagnose da convivencia escolar 2025, da Xunta de Galicia; e ESTUDES 2025, informe de Galicia.
Nota: O uso compulsivo de internet é un indicador de posible uso problemático, non un diagnóstico de adicción.

O profesor: Deixar de confiar nun mesmo

Na aula, Jesús Juan Casal Taboada, Suso, profesor de ESO e Bacharelato en La Salle, Santiago, observa como a IA está a cambiar o traballo escolar. O alumnado pode consultar información, resolver dúbidas e obter explicacións en poucos segundos. Pero chegar á resposta non significa necesariamente aprender.

“O que me dá máis medo é que unha persoa deixe de confiar en si mesma e pense que só vai poder facer cousas coa IA”, afirma.

Suso non defende endemoñar a ferramenta. “A maioría das persoas educadoras entendemos que isto chegou para quedar e que teremos que coñecelo”. A IA pode axudar no traballo docente, pero é necesario identificar os usos incorrectos e ensinar o alumnado a empregala con criterio.

O profesor insiste en que a educación non consiste só en transmitir información. “A educación é social, e o educador desempeña un labor esencial nesa sociabilidade”. Unha máquina pode explicar contidos, pero non substitúe o docente na xestión dos conflitos, na escoita ou na construción das relacións.

“A forma de transmitir as ideas nunca, creo, vai chegar a ser tan boa como tendo un bo profesor”, afirma.

RICARDO FANDIÑO

RICARDO FANDIÑO

PSICÓLOGO
“Unha IA non desexa, ten unha forte tendencia á validación e polo tanto non che devolve unha imaxe de ti, devólvete unicamente un eco”
Logo ADOLESCENCIA LIBRE DE MÓBILES

ISABEL ÁLVAREZ

ADOLESCENCIA LIBRE DE MÓBILES
“Hoxe onde prima o obxectivo de que os usuarios pasen o máximo tempo diante da pantalla. Ti es o producto e os anunciantes son o clientes!”
JESÚS JUAN CASAL, SUSO

JESÚS JUAN CASAL, SUSO

PROFESOR
“A min paréceme que eran máis creativos, e que desenvolvían máis as súas posibilidades. Facían as cousas entre varias persoas, eran menos individualistas”
ROGELIO CARBALLO

ROGELIO CARBALLO

CONFAPA GALICIA
“O que está pasando nos colexios é que estamos renunciando a educar no uso correcto e produtivo da tecnoloxía”

O psicólogo: A AI non sente

Ricardo Fandiño Pascual, vicedecano do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e coordinador da Comisión Intersectorial da Infancia e da Adolescencia, sitúa o foco na relación dos adolescentes coa espera e coa frustración.

“Vemos unha dificultade crecente para tolerar a espera, o non-facer, o aburrimento, o silencio sen estímulo”, explica. A dispoñibilidade inmediata de contidos e respostas pode facer que os momentos sen actividade se vivan con maior incomodidade. “O baleiro que debería ser o berce da imaxinación e o descubrimento agora se vive como unha ameaza”, sinala.

Fandiño observa tamén dificultades para manter a atención en tarefas longas: “Ler un texto enteiro, seguir un razoamento en varios pasos sen buscar un atallo, reter información na memoria de traballo en vez de delegala inmediatamente nun buscador ou nunha IA”.

A súa proposta non é eliminar as ferramentas dixitais, senón recuperar o esforzo mental. “Non se trata de prohibir ferramentas, senón de construír a tolerancia ao esforzo mental sostido”.

Para o psicólogo, a IA pode ser útil sempre que non substitúa as relacións humanas. “A IA responde, pero non ofrece testemuño dunha vida experienciada”. Un profesor, unha nai ou un psicólogo recoñecen o adolescente, acompañan as súas dúbidas e poñen límites. “A IA non sente e polo tanto a información que transmite está desencarnada”, afirma.

O problema aparece cando a ferramenta se utiliza para evitar dificultades. “Cando lle pide que o valide, que lle dea a razón, que resolva os seus problemas, que evite os erros ou que sexa testemuño da súa vida”, explica.

Se tivese que escoller unha capacidade que non debería perderse, Fandiño sinala “a capacidade de tolerar a frustración que supón o desacordo, de entrar en contradición con outro e seguir en relación con el”. Trátase de aceptar que non todo o que se escoita gusta e que os demais non sempre están dispoñibles.

mozos usando móbiles

As familias: Ensinar a usar, non apartar

Rogelio Carballo, presidente da Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos, (CONFAPA) que representa a 100.000 familias, considera que o debate sobre os móbiles e a IA está marcado por unha visión excesivamente negativa. Desde a súa organización defende que a escola debe ensinar a utilizar correctamente as ferramentas dixitais.

“Estamos renunciando a educar no uso correcto e produtivo da tecnoloxía”, afirma. Para Carballo, o móbil non é un problema en si mesmo. “Un móbil é unha ferramenta en branco”. Pode servir para comunicarse, organizar tarefas, colaborar, aprender ou crear.

O seu uso, con todo, pode ter consecuencias negativas. “Se o emprego do móbil polo rapaz consiste en libertinaxe en redes sociais e consumo irresponsable de contidos, obviamente isto pode provocar problemas serios”, admite. Pero considera que tamén existen usos educativos que non deben desaparecer.

Carballo lembra que os adolescentes utilizarán estas ferramentas na vida adulta para comunicarse e xestionar tarefas. “As familias aspiramos a que o sistema educativo introduza o uso do móbil como ferramenta e eduque no seu uso correcto e aproveitamento”.

A cuestión non é só cando se entrega un teléfono, senón que aprendizaxe o acompaña. Álvarez defende límites e acceso progresivo; Suso, preservar creatividade e confianza; Fandiño, atención, tolerancia á frustración e presenza humana; e Carballo, a formación tecnolóxica.

As posicións son diferentes, pero apuntan a unha realidade compartida: os móbiles e a IA xa forman parte da vida dos adolescentes. O reto quizás non é escoller entre o mundo dixital e o humano, senón evitar que o dixital ocupe todo o espazo do humano.