“Quérote amar, Xesús, pequeno e grande,
agora igual que na existencia túa,
quero gardar como tesouro inmenso
o teu exemplo e a palabra núa.
Adórote por verte Deus concreto
carne humana e divina todo nunha,
o teu paso de ben deixou raíces
que a toda a historia humana dá fondura
Por seres forte e manso eu te sigo,
o teu amor é certo e sen fisuras,
loitas sen odio polo ben máis grande,
ningún mal te domina coa amargura.
Quérote moito porque dás consolo,
chorando ti as bágoas nos enxugas,
calando dásnos forza e dásnos luces,
contigo a vida nova nos saúda”
Como indica Portas Ferro na introdución deste longo, íntimo e esforzado poema de 1200 hendecasílabos, nada se entendería del se non se parte do que é: “un testemuño de fe persoal, orante… porque a Oda aséntase sobre as opcións teolóxicas do autor, a maior parte delas plenamente compartidas en ámbitos de fe cristiá ou de teoloxía, e algunhas outras minoritarias, por máis disputadas”.
Xosé A. Miguélez agasalla o lector(a) coa súa persoal e honesta vivencia da fe, expresando en verso o seu itinerario interior, a súa particular experiencia de seguimento. E como toda experiencia humana sincera é, en boa parte, comunicable e, en certa medida, transferible entre persoas que van coa mesma honestidade na “procura de sentido”. Podería considerarse un devocionario (día a día cadansúa estrofa), pero con métrica, con ritmo e arriscada rima (que non sempre axuda). Pero non é un epígono doutros devocionarios que foron e xa non son, ou xa non son o que eran.
Por iso, fóra do tamaño e do cristocentrismo non hai no libro semellanza co inmorredoiro “Kempis” -best seller desde Gutenberg ata antonte. Non se trata aquí de desenvolver unha esforzada musculatura imitativa dun modelo de vida conxelado no tempo, anacrónico e estereotipado fronte ao mal do mundo exterior. Aquí o que se ofrece é unha experiencia de fe persoal, gratuíta, sentida, desde dentro dun mundo que é festa e desafío, graza e tarefa.