Tomando as palabras de moitos whatsapps que circularon ao remate da Romaxe poderiamos dicir que foi un día cheo e que todo resultou xenial, ata o tempo nos acompañou. Foi estupendo volver á Romaxe. A organización e a xente de Arzúa, marabillosa; tan ben o fixeron que nin se notaba todo o traballo que había detrás, con mención especial para as lectoras. Na benvida ata nos ensinaron latín: ALTIORA PETO (literalmente; “aspirar ao máis alto” e que viña equivaler a algo así como desexar o mellor) que disque lle dicían os veciños a quen peregrinaba cando pasaban cara a Santiago.
Reencontro ben merecido (co permiso da pandemia)
Un día moi especial para reencontrármonos, gozarnos e abrazarnos. Unha xornada preciosa para as máis de 200 persoas que alí nos atopamos. Foi doado chegar, o espazo era axeitado, sol e sombra para todos os gustos e baños moi cerca, no Centro Social. E limpos!
sacar o bo que temos dentro ante diante a adversidade, coller forza na irmandade aberta, cos pés na nosa terra
A celebración fermosísima, conmovedora, unha celebración especial que emocionou e na que tivemos moitos anaquiños de evanxeo, de vida e de esperanza. O texto foi moi medido e revisado. Daniel López fixo moito, case todo, e houbo moito repaso e re-repaso de Marisa Vidal, Lucía Santiago e Olga Álvarez. A eucaristía non foi, nin pretendeu selo, a eucaristía oficial da Igrexa, non foi unha misa, pero coido que foi unha memoria viva, encarnada, de Xesús vivo, morto e resucitado. Os protagonistas foron o coronavirus, simbolizando a enfermidade, a dor, a morte, a soidade, as limitacións, a vulnerabilidade… e a Ruah, Espírito Santo que nos anima a ser solidarias, a sacar todo o bo que temos dentro ante as circunstancias da vida, para collermos forza na irmandade aberta, cos pés na nosa terra.
Os outros virus e a Vida que nos move
E fomos lembrando os distintos virus que nos atacan: o fachivirus ou virus do individualismo exaltado pola propaganda, ou sexa, o sálvese quen poida e aos demais que lles dean. Fronte a isto temos a verdade e os servizos públicos, a tenrura e os coidados, e como exemplo, o testemuño dunha sanitaria, Merchi, coa súa experiencia nestes meses. O aporofobiavirus ou virus do desprezo á xente empobrecida, pois non temos ningún rexeitamento contra alguén que sexa doutra cor ou doutro país, se é rico; mais se é pobre, cáenlle enriba todas as maldicións habidas e por haber, como nos contou María, peruana, que intenta vivir coa súa familia na nosa terra coa dificultade engadida de non ter papeis. O depredavirus que, levado por un consumismo sen medida, arrasa a natureza e a biodiversidade. E para mostra falounos Manolo Calo, representante da Plataforma de Monfero-Paderne na campaña Aldeas libres de macroeólicos.
Chegamos á segunda parte da celebración onde, fronte a tanto virus, a Ruah amosounos as loitas que se levan adiante coa forza da irmandade, do apoio mutuo, da solidariedade, da cooperación, da comunidade. E alí estaba, coa voz de Anuncio, a mensaxe de Xosé Abad, de ACAMPA pola paz e o dereito ao refuxio, coa fórmula da unidade na defensa dos Dereitos Humanos, sobre todo das persoas máis indefensas. E Sarela e Aldara, as nenas que nos contaron a súa experiencia de infancia no tempo da pandemia. E outra voz dos Ancares que nos falou de cooperar para un futuro agrogandeiro distinto, unha economía sostible e un futuro para a xente nova. E, por último, a voz de Alba, lendo o texto preparado por Miguel, preso na prisión da Lama que, lembrándonos que Xesús tamén foi un condenado a morte, nos pedía que non esqueceramos que os presos e presas tamén son seres humanos merecedores de respecto e dignidade.
Demos paso á terceira parte da celebración co evanxeo no que somos invitadas a un banquete e animadas por estas palabras puxemos a mesa e bendicimos o pan e o viño para logo compartilo entre todas as asistentes.
Inmenso agradecemento
E aínda que non puido haber rumboia, si tivemos un berro seco, coma sempre explicado e dirixido por Mero, xusto antes da despedida na que Lucía, a presidenta da Asociación Irimia, nos despediu cun agradecemento a todas as persoas que colaboraron na organización desta Romaxe ao que o público respondeu cun aplauso sen fin. Sei que esquecerei a moitas pero quixera citar aquí a Xela G. Caballo que debuxou a portada do folleto, á Quenlla e a Bea a de Estrella que puxeron a música (marabillosa), a Luís Calvo que fixo o cartel precioso do peto da romaxe, aos membros da xunta directiva de Irimia e, por suposto, a todas as persoas que collemos o coche desde distintos puntos de Galicia para vérmonos, para xuntármonos, para sentírmonos outra vez crentes galegas.
Vémonos en Culleredo o vindeiro ano 2022, o segundo sábado de setembro
O xantar foi un modelo segundo os protocolos sanitarios: grupos burbulla separados varios metros, comodamente sentados nas cadeiras que usamos na celebración, mais como non compartir as sobremesas, os cafés, os licores… Pola tarde as mulleres cristiás galegas foron as raíñas da festa, cantando e bailando, grazas especialmente ás pandeireteiras e á acordeonista. E non podo contar máis pois chegou a hora de marchar.
Grazas, irimegas e irimegos! Moitos parabéns! Vémonos en Culleredo o vindeiro ano 2022, o segundo sábado de setembro, ide anotando na axenda. Xente de Arzúa e do resto de Galicia, esperámosvos.
Altiora peto!!!