Que bonita foi a Romaxe de Arzúa e que ben preparado tiña todo a xente da parroquia de Santa María, que son irimegos desde os primeiros tempos. Houbo ausencias, pero tamén moitas fidelidades. De sermos a Xunta, nomeariámolos Irimegos de Honra e dariámoslles un medallón de Sargadelos XL, pero non é o noso. Tocoume o corazón ver de novo a Pepe Dopico, ou, como dicimos por Irimia, Pepe de Betanzos. Anda polos noventa anos, case non ve, pero escoita e coñece ben. Recórdoo na Festa do Lume compartindo xurelos que el mesmo pescaba na ría. Ou nas Romaxes compartindo os seus poemas. Pepe tivo unha vida chea de experiencias de superación, ás veces ben amargas. Labrego, emigrante, xornaleiro e mestre de escola. Segue agasallando sorrisos e esa doce mirada dun home de Xesús.

Grazas Pepe, a túa presenza na Romaxe encheu moitos baleiros!