Despois de corenta e pico Romaxes, media arriba, media abaixo por mor da pandemia, como ben dixo a nosa Guieira, chegou a do 2022, celebrada ao pé do monte Xalo. A celebración deste ano foi unha celebración de lembranzas para quen coñeceu a Moncho Valcarce, unha celebración de homenaxe a unha vida de entrega por un pobo e unha terra (os nosos, vaia); mais tamén foi unha celebración de aprendizaxe para aquelas que non tivemos a oportunidade de coñecelo ou, como é o meu caso, nin tan sequera escoitaramos falar del.

Un presente desafiante

E nesta Romaxe non se falou só do pasado, posto en boca da Testemuña e de Moncho durante a celebración, senón tamén da conexión cos problemas do presente, que non son tan diferentes dos de antes, a través da figura da Rapaza. E, así, falamos do coidado da Terra; da fraternidade e sororidade entre e coa xente sinxela; da precariedade laboral da xente nova; da aspiración á igualdade entre homes e mulleres; da perda de dereitos; das pensións públicas…

Para ir fiando o relato interviñeron grupos coma a Irmandade Moncho Valcarce, a organización de defensa das aldeas contra macroproxectos eólicos, MODEPÉN (organización pola defensa dun sistema público de pensións), ou Mulleres Cristiás Galegas Exeria; e léronse textos do bispo Agrelo e do propio Moncho Valcarce.

Romaxe romaxeira

Por suposto, durante a celebración non faltou un dos elementos máis importantes para manter e crear unha comunidade, a música, cunhas letras que non perden forza ano tras ano. De entre todas as cancións hai que destacar a Rumboia, durante a que este ano se formou unha ringleira máis enguedellada ca nunca pero na que participamos practicamente todas as que estabamos alí.

Unha vez máis, sentín que formaba parte dunha comunidade

Á hora do xantar púidose elixir entre o nivel básico: baixo cuberta, nas pistas e con posibilidade de situar unha mesa e cadeiras sen botar a rodar monte abaixo; e o avanzado, na carballeira, onde ademais da dificultade natural de compartir o xantar con amizades e familia sen empachar, se engadía a de lograr manter a cadeira estable máis de cinco minutos.

E pola tarde, festa! Nas pistas deportivas houbo quen gozou dun concerto da Quenlla do que non podo falar moito, pois eu tiven a oportunidade de participar dunha foliada improvisada na carballeira que foi máis longa do esperado e na que nos xuntamos persoas de todas as idades. Ben, hai que dicir que xa iamos preparadas para o asunto, porque traiamos instrumentos e cancioneiros, pero…

Festiña comunal

Tocar e cantar pola tarde foi unha experiencia xenial, non só polo feito de poder abarcar un repertorio de trinta e pico pezas (menos que Romaxes, pero moitas igualmente) só con catro ritmos, senón porque unha vez máis, sentín que formaba parte dunha comunidade.

Da Romaxe deste ano paréceme importante destacar a boa participación daquelas persoas que non estabamos no escenario (aínda que cantabamos algo baixiño) e a boa elección do lugar, que aínda que non foi o máis bonito no que estiven si que era bo en previsión de moito sol ou choiva.

Eu xa estou agardando polas próximas corenta e pico Romaxes, e non pido que sexan tan boas coma esta.

Galería de imaxes