Da raíña Lupa á Rosalía de Castro
Por ser territorio de clima benigno, exuberante vexetación e xentes acolledoras, dicían os vellos aquilo de “A Amaía, pasala con día”. Para percorrela admirados, para gozala devagar. Pola súa forte personalidade, alguén alcumou esta terra dos antigos amaeos como “Galicia enteira en grandiosa síntese”. Está regada polo poético río Sar e delimitada, ao norte e oeste, polo maxestoso Tambre. Esténdese ao oeste da cidade de Santiago, camiño do mar e comprende os concellos de Ames e Brión.
O lugar da Romaxe é a carballeira de santa Minia, en Pedrouzos, concello de Brión
As varias eras da historia foron deixando aquí significativas pegadas, comezando polos petróglifos de Xinzo e o singular campo de mámoas da Rañalonga. Quedaron máis de media ducia de castros, co sobranceiro Castro Lupario no fondal de Bastavales, dende o que a Raíña Lupa fiscalizou a traslación do corpo do santo Apóstolo, no dicir do Códice Calixtino.
A romanización deixou o seu cuño no hipocaustum de Cirro e quedou cara ao poñente o ronsel da vía Per loca marítima. Do século XIII, os troveiros Osorio Eáns Mariño e Martiño de Xinzo, este da aldea homónima de Bastavales e o primeiro de Lamiño (Brión), son senllos expoñentes da lírica medieval galega. Desde o castelo brionés de Altamira, a arrogante casa dos Moscosos señoreou media Galicia durante toda a idade media, sendo tamén escenario da revolta Irmandiña. A idade moderna experimentou a proliferación de novas construcións relixiosas, que na Amaía, durante o imperio do barroco e neoclásico, acadaron carácter maxestoso, tanto que se fala das “catedrais da Amaía” referíndose ás súas igrexas parroquiais.

A Amaía é terra de Rosalía de Castro, cada recuncho bendicido nas estrofas de “En las orillas del Sar” e as “Campanas de Bastavales” resoan por toda parte, convertidas no poema máis universal da literatura galega.
Mulleres que apostan pola terra e pola xente
Para este ano, elixiuse o lema de Sororidade e terra, co que significar e honrar a grea de mulleres que libremente fixeron opción de viviren e traballaren no mundo rural como sinal de encarnación na vida dos humildes. E significaranse os varios grupos de monxas irimegas que, por moitas décadas, mantiveron este testemuño. Exeria, a monxa peregrina do século IV, será a personaxe guieira da celebración.
“Sororidade e terra”, na honra dunhas mulleres que escolleron vivir e traballar coa xente de aldea
O lugar elixido para a Romaxe é a carballeira de Santa Minia, en Pedrouzos, a capitalidade do concello de Brión: Carballeira centenaria e espléndida, situada ao pé do santuario. O edificio construíuse desde mediados do século XIX para venerar as reliquias da santa, extraídas da catacumba romana de san Calisto. No longo proceso construtivo do santuario, os fondos recadados non abondaron e este quedou inacabado (dalgún xeito, esta obra sen remate converteuse en símbolo do lugar), pero a romaxe da santa fixo fortuna e hoxe a Romaría de Santa Minia é unha das máis populares e multitudinarias de Galicia toda. Celébrase a festa de Santa Minia os días 26 e 27 de setembro.

No corazón de Galicia
A maioría dos irimegos e irimegas non deberían ter dificultades para chegar a Brión, que queda a escasos 15 quilómetros da capital. Desde Santiago ou pola autoestrada AP-9, cóllese a autovía AG-56 Santiago-Brión e tómase a saída 10. Para a carballeira de Santa Minia, hai desviación á dereita e queda a un quilómetro. Desde a saída da autovía, haberá indicadores da Romaxe.
O aparcadoiro está ao pé da carballeira. Quen chegue desde o oeste, pode tomar o corredor de Noia, que emboca na propia autovía AG-56. Para os que acudan desde o norte –terras de Xallas, Bergantiños e Costa da Morte–, teñen a AC-544 desde Negreira, que emboca en Bertamiráns na autovía AG-56, ou antes –en Portanxil–, tómase a desviación a Brión.
Coma decote, a acollida dos romeiros farase a partir das once horas. Bo ánimo e boa festa