Gran día o 14 de Setembro! Para as persoas que estivemos na Romaxe en Lodoselo foi un día que gozamos por moitas razóns. Un sol fermoso que nos acompañou sen chegar a molestar, un prado de herba cortadiña e, iso si, alguén deixou unha porta aberta nalgures porque corría un pouquiño de aire…

Para comezar a acollida foi de alta cociña: ofrecéronnos patacas en tres xeitos diferentes, fritas, en salpicón e fritas con chocolate. E nesa antiga casa reitoral xa visitamos o tear, a aula da muller, a sala de actividades e o albergue no que agora se poden facer campamentos ou convivencias.

E así fomos chegando coches e máis coches e tamén autobuses, de Ferrolterra, Santiago, Moaña, Taboadela e Arzúa. Total que, segundo Protección Civil, eramos máis de 400 persoas, entre os de fóra e os da casa.

Eramos máis de 400 persoas, entre os de fóra e os da casa.

Deu comezo a celebración coa presencia do xeneral romano que, conta a lenda, veu conquistar Galicia e ante a negativa dos seus soldados a cruzar o río Limia polo temor a perderen a memoria, cruzouno o primeiro, e os seus soldados seguírono ao veren que os chamaba polos seus nomes. Este xeneral avisounos do perigo de esquecer e non coidar todo o que temos en Galicia.

Continuamos centrándonos xa nos tempos actuais, na experiencia comunitaria que se vive en Lodoselo, que foi dando pasos desde a constitución da asociación cultural “O Cruceiro” e logo o Centro de Desenvolvemento Rural “O Viso”. Xardín dos sentidos, galiñeiro 5.0, forno, Casas da Memoria… todo fai parte desta aldea.

Na Casa Niño están os cativos de dous anos que xunto cos maiores que viven na Vivenda Comunitaria fan actividades no Centro de Día coma se fosen netos e avoas. E non so eles, tamén outras veciñas, teñen moito no que ocuparse alí: fisioterapia, xogos de mesa, terapia ocupacional, estimulación da memoria… e o voluntariado tamén preparan o reparto de lotes de comida para situacións de emerxencia e máis de 130 xantares para persoas maiores, a maioría vivindo soas.

Foto da Romaxe XLVI - 2024
Así nolo contaban as protagonistas destas vivencias:

Se cadra poden pasar cousas como que un homiño pida que lle boten a lotería. Outra señoriña pedir que lle prendan o quentador da auga, que hoxe non lle funciona. Ou… no peor dos casos, pode pasar que ese día a muller á que lle levan a comida desde hai 10 anos non abra a porta, e haxa que facer esa temida chamada á familia ou á policía.

Na nosa oficina de Xinzo pódese atopar a nosa psicóloga acompañando a unha muller a poñer unha denuncia por malos tratos. Pódese atopar persoas que van buscar emprego, ou unha nai e o seu bebé acabado de nacer chegados de Perú, sen máis que o posto, que están agardando a que a traballadora social poida xestionarlles o básico.

Hai quen ten a misión de atopar novas persoas poboadoras para a comarca da Limia e anda na procura de casas para alugar a xente que vén doutros lugares.

As compañeiras de comunicación e Biocoidados andan facendo fotos a un prato de filloas, porque están rematando un libro de cociña autóctona da Limia. E as educadoras poida que estean nalgunha aldea facendo obradoiros de cultura dixital ou organizando unha fornada de pan para o próximo sábado.

Porque pensamos que este proxecto non é o mellor nin o peor, que existe grazas ás persoas ás que atendemos pero que é fundamental o labor que facemos as persoas traballadoras e voluntarias.

Temos a obriga moral e ética de mellorarnos a nós como persoas para poder facer mellores ós demais.

A verdade é que nos deixaron abraiadas pero, como nos dicían, non é cuestión de copiar modelos, senón de tomar o espírito, as ideas que non poidan aproveitar nos nosos respectivos lugares. E se é coa ledicia de bailar unha Rumboia, mellor aínda.

A continuación, un momento emocionante foi a lembranza dos cregos que descubriron a importancia da acción, relixiosa, cultural, sindical e política para construír persoas e pobos libres e dignos e a isto dedicaron o melloriño das súas vidas. Coa presenza de tres deles (Evencio Domínguez Lorenzo, Isaac Alonso Estraviz, Camilo Modesto Domínguez) quixemos homenaxear a tantos outros, algúns xa mortos, que transmitiron os coidados de Deus no servizo á xente.

Foto da Romaxe XLVI - 2024
Non menos importante foi o papel das mulleres nas aldeas, que levaban todos os coidados da casa: da xente (maiores, pequenos, enfermos), da roupa, da cociña, dos animais e de todo o que fixese falta. E máis aínda se eran viúvas de vivos ou de mortos.

Coa memoria de Xesús e o Noso Pai, seguida do pan e o viño compartido, chegamos ao Berro Seco, ese aturuxo que sae do máis fondo para que se oia no mundo enteiro que apoiamos a Palestina, que queremos un traballo decente, que rexeitamos a violencia de xénero e que temos os brazos abertos aos migrantes.

Quedaba a entrega do ramo, da xente do Lodoselo á directiva de Irimia, á espera de que saian voluntarios/as para preparar a Romaxe do vindeiro ano.

Foi momento de agradecementos á Quenlla, polo seu acompañamento musical, tanto na celebración como na festa da tarde, á colaboración do Concello e da Deputación pola loxística, ao cociñeiro do petisco e a xente do CDR e a veciñanza de Lodoselo que nos fixo sentir ben a gusto.

Tamén fomos animadas a buscar un lugar para a vindeira Romaxe, a participar na directiva da asociación Irimia e a subscribirnos á revista Irimia.

E xa foi hora de xantar, compartir comida e sobremesas, poñerse ao día das novidades desde o ano pasado, cantar e celebrar ata que os da Quenlla comezaron o seu concerto co que chegamos ao fin da Romaxe. E xa van 46.