Vai ser o sábado 11 de setembro de 2021, cumprindo coa tradición de ser sempre o segundo sábado de setembro.
Será en Arzúa, na carballeira de Santa María (despois do parque de bombeiros de Arzúa por se queredes buscalo en Google Maps, ou un mapa coas coordenadas 42.934346, -8.160820).
Como chegar: unha vez que chegas á Arzúa, no cruce/redonda do concello, que ten en diagonal un parque, colles a rúa de Ramón Franco que se converte máis adiante no Camiño do Norte. Se colles ben esta saída despois é moi fácil, segues por ela ata atoparte coa carballeira a túa dereita.
Lembra traer o folleto da casa ou descargalo da web www.irimia.gal
É un lugar ben bonito, rodeado de árbores plantadas pola xente do lugar que nos darán sombra se quenta moito o sol (ao público e mais ós do palco), un parque de nenos para xogar os mais cativos… Hai enfronte unha casiña moi xeitosa que serve de local da asociación de veciños O Cruceiro. Veciños e veciñas grazas aos cales é posible facer a Romaxe este ano contando con tódalas facilidades: poderemos utilizar os baños do local, poñer unha carpa en caso de chuvia na explanada que teñen enfronte e mais utilizar un pavillón polideportivo se fose necesario (ollo! non é o pavillón da outra vez, este está xusto enfronte da carballeira). Por todo iso e moito mais, grazas Moncho Torreiro e todo o equipo!!!
Aparcar: Hai sitio dabondo para aparcar polas rúas, e hai mais detrás da carballeira. Alí hai edificios baixos que pertencían á antiga feira de gando. Agora ao lado está a empresa “Erica Mel” e mais o “Centro de Divulgación do Queixo e do Mel”, ben recoñecible a primeira vista.
Horario:
• 11:00 h – Acollida
• 12:00 h – Celebración
Este ano por mor do protocolo COVID non haberá Oración da Tardiña, e o xantar compartido quedará á decisión individual de cada quen, pois é un parque público onde se pode comer ben separadiños… pero iso non o organiza Irimia, pois non pode asumir tal responsabilidade. Tamén moi preto hai un dous bares-restaurantes con terraza para quen prefira outras opcións: o bar GLOMAN (tamén o podedes poñer no Google Maps como referencia) e o Catro Ventos.
Importante: hai que levar o folleto da casa (o que veu encartado coa revista anterior) pois este ano coas medidas de protocolo COVID non o repartiremos alí. Polo mesmo motivo tampouco haberá medallón romaxeiro, pero coma contrapunto temos unha edición mais coidada do folleto con deseño de portada orixinal, da ilustradora Xela G. Caballo. Os mais dixitais poderedes descargar o folleto en PDF na páxina web da asociación (www.irimia.gal) dende o dispositivo que prefirades.
Nos arredores hai lugares ben fermosos e con historias moi chulas, como a Igrexa de Santa María de Arzúa, o cruceiro ou a capela de San Salvador, pero isto xa daría para outro artigo… ou para preguntarlle a Moncho cando o vexades pola Romaxe. Vémonos alí!