Outros anos, entre os meses de xuño e xullo esta revista ofreceu un avance sobre a Romaxe de Crentes Galegos do próximo setembro. Este ano hai preparativos, pero as decisións están resultando problemáticas.
Témolo todo, pero temos dúbidas
De feito, en Santa María de Arzúa hai un equipo sólido, experimentado na organización de eventos e ben identificado con Irimia. Alí hai unha carballeira vizosa, plantada polos propios veciños. De maneira compartida, reflexionamos sobre a dor que vivimos e a esperanza que non deixa de animarnos. Adoptamos un lema: PEGADAS DE ESPERANZA. Temos un fermoso texto-base para a celebración. Pero temos dúbidas.
Non é que non poidamos reunirnos. De non producirse un forte novo brote de contaxios, se sabemos gardar as distancias, seguramente poderemos facer unha romaxe autorizada.
Pero a pregunta é se paga a pena facer a Romaxe da que, por precaución, estarán ausentes moitas persoas das habituais. Compensa facer a Romaxe sen poder abrazarnos, bicarnos, tocarnos, danzar e cantar xuntos? É prudente correr o risco de contaxiarnos ou contaxiar, polo contacto con persoas contaxiadas asintomáticas? Sería mellor, en vez da Romaxe, tentar algunha forma de contacto virtual que axude a manter viva a relación entre os irimegos e as irimegas? Non sería mellor, se cadra, deixar pasar a data, esta vez, sen dramatismos, e volver ás nosas actividades cando se poida, sen correr riscos?
Estas son algunhas das preguntas que nos facemos e que tamén lle fixemos a mais de 70 irimegos/as a través dunha enquisa online. O día 27 de xuño reunirase de novo a Xunta Directiva da Asociación Irimia para tratar de tomar a mellor decisión, tendo en conta as respostas recibidas.