Conversamos na súa casa-obradoiro de Brión con Xosé Vizoso, o artista que poucos irimegos coñecen, aínda que sexa el quen deseñou case todos os medallóns que adornan os nosos fogares, simbolizando cada romaxe desde hai máis de 40 anos. Xosé é un conversador que engaiola coa súa palabra e non para de contar historias, das que recorda todos os detalles; asemade, é un artista total: pintor, escultor, debuxante, ceramista, ilustrador, retratista, escenógrafo, cartelista (que non carterista!)…
Como empezou todo isto?
Eu nacín con este impulso, con esta inquietude: sempre a facer garabatos, sempre debuxando, en todas partes, co que atopaba, que podía ser un anaco de ladrillo, un anaco de cal, un lapis… Penso que é algo innato en min, que non sei de quen o herdei. Sempre me impresionaron moito os cabalos; por diante da miña casa pasaban os da San Lucas. O meu primeiro cabalo debuxeino na “pizarra” co “pizarrillo”. Aos 14 anos fixen un retrato de miña nai.
Como foi a túa formación? A quen identificas como mestres?
A miña formación foi toda autodidacta, ata que veu de Valencia don Xoán Puchades, o meu primeiro profesor de debuxo no instituto de Mondoñedo, onde fixen o Bacharelato Laboral. Dicía que quedara impresionado coa miña maneira de debuxar, cun trazo tan espontáneo. Apoioume moito; eu empecei a ir ao seu estudo, prestábame as ferramentas e mesmo cheguei a colaborar en obras súas. Durante o estudo do bacharelato xa facía algúns traballos, como rotular carrocerías de camións.
Que recordas deses estudos?
Recordo que eran moi completos. A partir de segundo curso, tiñamos idiomas. Daquela era o francés. Eu cheguei a cartearme cunha moza de Francia. En Física e Química tiñamos un laboratorio magnífico. Xa centrados no debuxo: en primeiro, artístico; en segundo, xeométrico; en terceiro, industrial; en cuarto, topográfico, e en quinto perspectiva.
Iamos a talleres dúas veces por semana: mecánica, carpintería, electricidade… Unha formación mellor que a “formación profesional” e con opción de facer unha carreira.
Ao final dos estudos no instituto levei o 1º Premio Nacional Xuvenil de Escultura. Ao terminar o Bacharelato, a miña ilusión era estudar Belas Artes, pero a miña familia non tiña medios económicos para pagar os meus estudos en Madrid.
Como empezou a túa relación con Sargadelos?
Naquel momento, era o ano 1968, apareceu no periódico un anuncio solicitando persoal e ofrecendo unha praza de debuxante para formarse como mestre de decoración para a nova planta de Sargadelos que comezaba. E alá me vou eu con Puchades a facer un exame. Alí estaba Isaac Díaz Pardo. Ao cabo dunha semana ou dúas chegoume unha carta procedente de Cerámicas do Castro, comunicándome que me consideraban a persoa idónea para o que necesitaban e pedíndome que me incorporase en Osedo (Sada) con todos os gastos pagos e 15 000 pesetas de dietas.
E fun alá, onde encontrei varias persoas que serían durante anos compañeiras de traballo e, sobre todo, a Isaac, que tamén foi o meu mestre, e non me separei del en toda a vida.
Como foi a túa relación con Isaac Díaz Pardo?
Comigo tiña unha confianza plena. Unha das primeiras cousas que fixen foi un decorado sobre o toxo, que se exhibiu en Barcelona. Logo desenvolvinlle as pezas das bruxas que deseñara el. Encargoume despois os decorados dunha obra de Irme Madásch, representada no Teatro Nacional de Budapest, que foi para min moi estimulante. Chegaba e dicía: “Rapaz, había que facer isto”. Eu trataba de documentarme. Había unha biblioteca que era unha marabilla, alí había de todo. Se chega a haber internet daquela! Todas as cousas tiñan unha raíz.
Houbo pouca xente coma Isaac Díaz Pardo. Foi un xenio
Foi unha relación moi estreita. Ata vivín tres anos con el en Santiago, no Instituto Galego da Información. Era unha persoa entrañable, que trataba moi ben a xente. Houbo pouca xente coma el. Foi un xenio.
Como foi a túa relación co Galeguismo?
Empezou coa miña relación con Isaac. A partir de aí coñecín moitísima xente. Todo o que é Sargadelos ten unha raíz profunda en Galicia, porque parte dun coñecemento a fondo das formas. Temos o románico e un conxunto tan rico de cousas que non temos por que imitar cousas que se están facendo noutros lados. No cartelismo estamos vendo cousas que non din nada, que simplemente copian do que se está facendo noutros lados, cando temos aquí unha canteira inmensa de motivos para desenvolver: no románico, nas cousas populares, nas balconadas…, cousas auténticas, coa súa raíz.
Está claro que a túa obra está enchoupada de Galicia. Non será que tamén Galicia está empapada da túa obra?
Estou empapado de experiencias, de xente do campo. Logo tamén me influíu o ambiente de Sargadelos, onde estaba moi presente a obra de Seoane.
Fixen un pouco de todo: murais, esculturas… Son 130 carteis máis 300 cubertas de libros, non sei cantos libros ilustrados (de Neira Vilas e doutros), centos de pezas de Sargadelos. Da pomba vendéronse moitos miles. A moza da cervexa a presión tamén é obra miña.
Trato de inspirarme en motivos do país e logo hai que estar ao día do que se foi facendo, non hai que ignorar a Picasso e aos grandes. Recordo que Xosé Díaz nos amosaba documentais que lle mandaban da embaixada de Alemaña ou exposicións de artistas con Kandinsky. A información é fundamental. E logo o traballo, darlle voltas ás historias, moitas voltas, cantas máis mellor. Fago sempre moitas variacións para poder escoller.
Falemos das túas relacións con Irimia…
Empezaron co defunto Chao Rego e logo seguiron con Manolo, Xabi e outros. Basicamente, consiste no deseño dos medallóns conmemorativos das distintas romaxes.
En Galicia hai unha canteira inmensa de motivos para crear, non temos por que imitar
Como se fai para deseñar un medallón?
Empezas por nada. “Batidos polo mar”, pensas no peixes e polos dunha maneira e doutra. Do paporrubio, contoume a historia Pepe Chao, tomeino como referencia e metino aquí. Na do Arnoia fixen coma unha lamia que habita nos ríos. Sería interesante ver todos os bosquexos de cada un. Doulle moitas voltas. É fácil unha vez que tes encamiñada a cousa, pero ata chegar, hai que darlle voltas e revoltas.
Logo están as características do material. A porcelana é supernoble: vai a unha máquina que fai o prensado e logo cócese a 1 435 graos. Ten que levar unha curvatura para que non se deforme, pois mingua o 18%. A cor é fundamental e tamén a brancura da peza.
Agradecemos a X. Vizoso, amigo sempre xeneroso e desinteresado, o tempo e a atención que nos dedicou e facémoslle o convite para que se una á celebración da romaxe deste ano, de maneira que os irimegos e irimegas poidan recoñecelo e gozar con algunha das súas divertidas historias.