No momento que escribo isto levamos unha semana pechados na casa. No momento que leas isto… pois non sei como estará o asunto. As predicións din que seguiremos na casa, pero non se sabe. Estamos loitando cun virus. Un inimigo difícil porque é invisible. A historia está chea de casos de loitas contra virus mortais. Agora toca este.

Pero a nosa xeración tamén leva tempo loitando contra outro virus. Trátase do VIH. Cando comezou, tamén xerou moito medo e descoñecemento e logo, pouco a pouco, foise avanzando. Segue a ser tremendamente perigoso, pero os avances neste sentido foron moi significativos. Moitos lembramos cando era considerado unha enfermidade mortal, exclusiva de homosexuais e drogadictos.

A nova que quero contar está no que se chama o ICISTEM. Un estudo feito de xeito compartido que permite avanzar na cura do VIH mediante transplante de células nai. Xa hai varios casos de cura total de enfermos en diferentes partes do mundo. Vaise paseniño neste sentido, pero avánzase.

No mundo da medicina vaise avanzando. Estamos mellor ca hai vinte anos e hai vinte anos estabamos mellor ca hai corenta. Hai que admirar a aqueles que botan a súa vida facéndolle a guerra ás enfermidades. E non só hai que admiralos, tamén hai que apoialos para que sigan facéndoo. A nosa sociedade ten que tomar en serio o seu traballo, que parece invisible coma os virus.