Se es deses que non es moi clerical, hoxe mellor pasa a outra sección (que hainas moi boas nesta revista) pero desta volta vou falar ben de curas e monxas así que…
Hai uns días tocoulle á miña familia despedir a alguén querido. O maldito becho fixo que estivese illado sen o acompañamento e o cariño dos seus seres queridos. Foi duro. Atopamos un xeito de comunicar a nosa proximidade neses últimos días. Os capeláns do hospital do CHUS fixeron de ponte entre nós e el. Tamén de consolo neses durísimos últimos días. Coidaron da alma nosa e a del. Levaron pequenas fotos nosas e recordos que sabemos que reconfortaron neses momentos. O noso eterno agradecemento.
Agora falarei ben de monxas. Vistes a imaxe da grande monxa pequeniña birmana? Impresionante imaxe desa supermuller que de xeonllos e cos brazos en alto é quen de parar un masacre. Chámase Ann Rose Nu Twang e sen dúbida tamén serviu de muro ante a tolería dos que pensan que teñen razón por ter forza.
Gústanme esas persoas que son pequenas candeas no medio da escuridade. Son os imprescindibles. Os que mostran o Reino de Deus.