A valentía é un valor. O uso que se dá dese valor é no que poderemos diferir. De todos os xeitos, estaredes comigo en que a historia que vos vou contar é unha historia de valentes.

Máis de 8000 científicos e científicas rusos publicaron unha carta na que condenan a invasión de Ucraína. Nela esixen a fin da agresión militar e critican os motivos que levan a Putin a tal tolería. Ademais afirman que Rusia estase a condenar ao illamento, que fai que o traballo investigador ruso non se poida levar adiante coa cooperación dos seus colegas.

Os que asinaron a carta poñen en perigo a súa liberdade, xa que poden enfrontarse a quince anos de cárcere. Poñen en perigo o seu traballo, o seu xeito de vida… Unha forma de valentía que penso que é importante destacar.

Non é casualidade que sexan as persoas de coñecemento as que dean o paso. Son os sabios do seu país. Homes e mulleres cheos de estudos, de horas de traballo, de lectura e de traballo en equipo con xente de todo o mundo. Por iso é tan importante a educación e o coñecemento. Ter curiosidade e aprender para non caer na consigna fácil nin no populismo. Necesitamos no noso mundo cerebros cheos de paixón polo saber. Cerebros valentes.