Cando eu era rapaz, os meus libros de texto eran máis ou menos iguais. Primaban o contido respecto da forma. En xeral, todos estes libros tiñan dúas cores, os títulos algo resaltados. Estaban ben estruturados, pero as imaxes eran máis ben escasas. Como moito, unha imaxe do autor do que se estaba falando e pouco máis. Porén, había un libro que rachaba con esa rutina. Tratábase do libro de inglés. Este texto era un despregue de fotos a toda cor, cadros, imaxes, esquemas con gráficos… Parecía unha revista para adolescentes das que estaban de moda hai máis de trinta anos. Lembro as fotos dese libro, onde aparecían mozos e mozas diferentes con caras de ledicia. Sempre había un negro, un asiático, unha caucásica moi loura, unha nena rubia con pencas…

O outro día, na misa, na miña parroquia, lembrei o meu libro de inglés dos tempos do BUP. Observei unha familia de orixe africana, unhas nais con nenos con facianas asiáticas, algúns louros. Agora que o penso, faltaba a loura pencada. Todos con pinta de estaren no lugar axeitado. Non era algo especial. A misa de doce na miña parroquia ten ese rabaño. Iso si, a misa, en galego. Porque aquí acollemos co que somos. Non se trata de cambiar de lingua porque vén xente de fóra. Como dicía o cura-mago Carballo: “Por respecto aos de fóra, vou falar en galego”. Respectándonos a nós mesmos, podemos respectar os demais. Viva a diversidade.