Non sei se estades ao tanto da iniciativa que naceu no IES Rafael Dieste da Coruña a prol da lingua galega. Trátase da campaña “Aquí tamén se fala galego”. É unha campaña de fomento da lingua pero que tamén pretende rachar toda unha serie de prexuízos. Por exemplo, distribúense carteis por todos os establecementos comerciais da cidade para rachar a idea de que o galego non é válido en determinados contextos. Outro prexuízo para rachar é aquelo de que na Coruña non se fala galego. Ademais é unha iniciativa nos que a protagonista é a rapazada do IES que é a que se move para rachar coa idea de mocidade non comprometida nin falante.
Xa hai máis de 200 centros que se uniron á campaña. Ademais participan coñecidos coma Viggo Mortesen, James Rhodes, Tanxugueiras, Sés… Os principais equipos de fútbol galegos tamén está na campaña. A cousa vaise espallando amodiño pero ben. Ademais, como unha cousa leva a outra, hai unha lista interesante de cancións en galego para toda esa rapazada que pensa que non hai música actual en galego.
Pois si, aquí tamén se fala galego. Aquí hai gañas de falar do noso. Oxalá houbera gañas de espallala en ámbitos diferentes. Imaxino carteis destes nas parroquias e nos bispados, por exemplo. Todo é facelo.