Afouteza: Disposición do espírito que leva a actuar ou a acometer calquera empresa sen temor aos perigos ou dificultades.

É curioso que esta palabra estaba no caixón do esquecido e o Celta recuperouna. Realmente, o Celta está a facer un grande traballo de imaxe, o que agora os modernos chaman marketing. A canción do centenario é unha pasada que chega ao corazón de todo o mundo. As redes sociais traballan arreo dando unha imaxe aberta do equipo. O pasado partido comezouse cun bonito espectáculo sobre o Entroido ourensán.

Os responsables do Celta non se cansan de repetir que buscan unificar tradición e modernidade, e penso que o están a facer ben. E o mellor de todo é que o traballo que fan é en galego. Non teñen reparo en facer as súas campañas e animar a súa afección na lingua de aquí. Non poñen pretextos do tipo “es que aquí el gallego no te lo habla nadie”. O amor polas cores non é só a cor da camiseta, tamén da súa historia e do que representa. Moita afouteza teñen os responsables do Celta.

© Foto: atlantico.net