Non me atraeu moito ese estilo de vida e a comunidade monástica desistiu de min axiña pero lembro unha cousa que me chamou a atención e que paso a contar. Despois de xantar a comunidade foi a unha especie de sala de estar onde había moitos sofás e os monxes comezaron a ver o telediario. Os monxes falaban baixiño e axiña vin que, empezando polos maiores, todos ían moneando en pequenas sestas e emitindo pracenteiros ronquidos. O monxe acompañante, vendo o meu sorriso divertido, deume unha explicación que daquela non entendera de todo ben pero que agora comprendo. “Aquí a comunidade é moi importante”.
A Igrexa ten que revisar moitas cousas pero hai algo do que pode estar orgullosa. Das súas comunidades monásticas. Son claros exemplos de vida en común e de modelos de construción do Reino. Abandonar o egoísmo polo ben común. Compartir ata os ronquidos das sestas. Facer as cousas xuntos está ben pero facelas en comunidade é o modelo de Xesús.
Non todos estamos chamados a vivir en comunidade monástica pero si que o modelo debe ser algo cuestionador aínda nos nosos días. Calquera que queira ter un modelo comunitario ten unha referencia estupenda. Se queres ir rápido vai só, se queres ir lonxe vai acompañado.