Acabo de escoitar que os publicistas están a pasalo mal porque teñen que lanzar as súas campañas de Nadal sen saber como viviremos esas datas. Ten que ser difícil lanzar unha mensaxe para vender algo sen saber se poderemos saír en fin de ano, se poderemos xuntarnos cos nosos vellos, sen saber se poderemos ter ceas de empresa ou se os rapaces volverán á casa.

Os que cremos na mensaxe de Xesús de Nazaret témolo máis doado porque coñecemos que antes do Nadal está o Advento. Tempo de espera e de esperanza. Agardamos por un Neno que dá sentido nun mundo que carece del. Un curiña, cando ía de pascua xuvenil, dicíame que sen Coresma non había Pascua. Eu agora doulle a volta ao seu argumento e digo que sen Advento non hai Nadal. Que temos que ter esperanza nun mundo mellor. Que nestas festas o Apalpador, os Reis, Santa Claus ou os Santos Inocentes tráennos unha vacina para certos males. E que esa vacina é para todos e todas sen distinción. Que volvamos ser o que somos. Que deamos bicos e visitemos os nosos vellos. Que a nosa mocidade volva reunirse e que se divirtan. Que nos xuntemos para tomar o cocido, o churrasco ou o polbo. Que poidamos ver sorrisos nas facianas e volvamos tomar o café na nosa cafetería de confianza. É Advento, tempo de rumores…