Hai uns días vin na televisión a historia dun señor que levaba adiante un proxecto, era o “Biblioburro”. Era un paisano de Colombia que ía polas aldeas con dous burros, chamados Alfa e Beto, levando libros e contándolles historias ás crianzas. Nos burros debería levar uns cincuenta libros en total, pero as criaturas vían nel alguén máxico.
Os que traballamos nisto da educación observamos como mandar ler aos nosos mozos é igual a maldicilos, castigalos ou mesmo torturalos. A lectura é algo que non se leva e que molesta ou estorba. No caso dos adultos lectores, tamén temos a mala experiencia de vernos rodeados por libros que pouco a pouco van ocupando o noso espazo vital. Que facemos con tanto libro?
Pois existen moitas iniciativas que poden ser interesantes. Hai plataformas en internet onde se poden regalar, intercambiar ou vender a prezos baratos. Hai librerías que chos compran moi baratos e os venden. Todo é cuestión de buscar saída e facer que os libros e lecturas teñan unha segunda vida. E tamén hai unha oportunidade estupenda, que é escoller comprar nestas librerías. Así que neste Nadal podes agasallar libros que xa viviron moitas vidas, non tantas coma as do burrobibliotecario, pero si unhas cantas.