Moitas veces ser un teimudo ou unha teimuda era un insulto. Es ben teimuda! Insistir en algo ata o aburrimento da persoa coa que se está pode desesperar a calquera. De todos os xeitos, hai moitas cousas que só se conseguen sendo teimuda.

Un caso de teimudas e insistentes é o das mulleres da asociación Exeria. Con esforzo e insistencia conseguiron que unha praza de Santiago (a que está xa entrando polo camiño francés, no barrio de Concheiros) leve o nome desta galega aventureira. Non só o nome, tamén unha fermosa e suxestiva estatua está nesa praza.

O outro día estiven un bocadiño na inauguración oficial. Foi un recoñecemento á “teimosía” de moitas mulleres. En primeiro lugar, a Exeria, unha muller da que xa falamos moito nesta revista e da que deberiamos falar máis. Outro recoñecemento ás súas “sorores”, ás que se dirixe así na súa obra e que aparecen tamén representadas na escultura. Por último, ás súas sorores teimudas das mulleres cristiás galegas. Teimosía da boa, da necesaria. Non deixes de coñecer a escultura.