Ía tomar a decisión de non saudala, pero pensei que non ía facelo para que, no caso de que eu me convertese nun asasino despiadado, ela puidese dicir á prensa iso de “sempre saudaba”.
Á marxe da brincadeira, lembrei algo que lera na miña adolescencia. Era un textiño de Martín Descalzo que se titulaba “24 pequeñas maneras de amar” (aparece fácil en internet), onde recomenda multiplicar o saúdo, incluso aos semicoñecidos. E así fago. Cada vez que me atopo coa miña fumadora no portal, saúdo cun “boas noites, que tal?”. Ela pon cara de pesadez polo veciño que molesta, pero agora xa conseguín un gruñido que parece significar ola, ou talvez boas noites. Pois iso, un saúdo para todos vós.