Correndo, correndo vin a exposición Galicia no mundo no Gaiás. Ten bastantes cousas ben interesantes e paga a pena estar un pouquiño nela. De todos os xeitos, vouvos contar un par de cuestións que me chamaron a atención.

En primeiro lugar hai un momento no cal contan a historia de Exeria. Moitos xa a coñecedes: esa muller galega que viaxou a Terra Santa no século catro e que o contou nun libro. O detalle co que quedei é o seguinte: parece ser que no seu libro escrito en latín aparece a palabra “colo” tal e como a usamos en Galicia. En latín a palabra “colo” non ten o significado que ten aquí. Será a primeira palabra escrita propiamente en galego?

O segundo asunto é máis grande. Estou impresionado pola escultura a Santa do autor cambadés Asorey. Que forza e que poder transmite! Nunha imaxe transmite unha mensaxe clara. A historia de salvación das mulleres galegas que loitaron por saír adiante a pesar das dificultades. Unha muller real sometida a un xugo que podemos interpretar de mil xeitos. Non é unha muller que responda a un canon de beleza, pero é moi fermosa. Non podo describila. Tedes que vela. A exposición está ata o 12 de abril.

Dúas mulleres e mil historias. Esa é Galicia, un curruncho no mundo.