Se a estas alturas deste ano non sabes quen son as Tanxugueiras, é que non pertences a este planeta galaico. Dá gusto escoitalas. A min, que non entendo nada de música, gústame esta mestura de ritmos modernos e música tradicional. Penso que o fan moi ben e soa refrescante.
Ademais o seu éxito ten varios engadidos que dan esperanza. Por unha parte, están levando a música galega máis alá das nosas fronteiras. Moita xente está parándose a escoitar as súas creacións e recoñecen a súa valía. Dende o tempo da chamada música celta, iso non pasaba. Boa nova que se dean conta da diversidade musical que hai.
Outro moito de esperanza é o feito de que a rapazada de aquí está decatándose de que tamén podemos facer boa música. Os nosos adolescentes, que escoitan reguetón e trap e toda esa música que, para os que temos uns anos, soa exactamente igual, estanse decatando de que aquí se fan cousas xeitosas.
Cando escribo isto non sei se as afoutas tres rapazas irán a Eurovisión. De todos os xeitos, xa teñen un punto gañado, o do noso recoñecemento. Porque para a música “non hai fronteiras”.