Se ben isto pode ser unha desgraza para aqueles que gustamos do bo comer, no fondo é unha agradable maneira de entender a vida. Porque en Galicia, o feito de que na mesa compartimos e que é un lugar de comuñón xa o temos interiorizado. Durante estas vacacións de Nadal fun consciente da importancia deste feito. Xuntámonos na mesa e compartimos o tempo coa familia. Buscamos que os alimentos sexan o máis satisfactorios posibles e, sobre todo, buscamos aquelas receitas que supoñen unha tradición familiar. Pero, no medio das miñas reflexións, decateime de algo importante: quen exerceu de transmisora da tradición culinaria nas nosas festas? Quen exerce o sacerdocio e o sacrificio de manter a familia unida e preservar a tradición?
Xa que logo, en Galicia, levamos séculos sabendo que as mulleres exercen o sacerdocio nas nosas familias. Agora, a ver se nos decatamos de que tamén na nosa familia eclesiástica deberían levar séculos exercéndoo. Amén.