As autoras da recentemente estreada película Negro púrpura,https://negropurpura.gal/, recibiron a Irimia e partillaron o seu facer, o seu sentir e o seu pensar.

Sabela Iglesias, Adriana P. Villanueva e Pilar Abades son as donas da produtora Illa Bufarda (Santiago de Compostela). Tres mulleres novas que apostaron pola creatividade absoluta, en galego, en Galicia, pero sen fronteiras. A bufarda é unha fiestra pola que mirar, un espazo sen límites, indispensable para crear.

Como chegastes a definir o voso proxecto?
2012, nun contexto de poscrise económica, Sabela e Adriana dixemos “Hai que tentalo” e ver se do audiovisual se pode vivir; non pensabamos pasar dos 3 anos. A partir da primeira encarga, tivemos actividade ata hoxe. Buscamos ser un espazo creativo, multidisciplinar, de deseño, animación etc. E xa van 9 anos. Un tempo de aprendizaxes e moito traballo. Logo incorporouse Pilar, hai dous anos, e a súa chegada foi importante para nós, nun momento de moito traballo. No contexto no que nós comezamos, moitos dos nosos compañeiros e compañeiras quedaban en Barcelona, Londres… traballando noutros campos.

Buscamos ser un espazo creativo, multidisciplinar, de deseño, animación etc.

O audiovisual, un ámbito onde as mulleres se teñen que facer valer máis…
O audiovisual, como moitos outros eidos profesionais, é un ámbito masculinizado, onde as mulleres temos dificultade para formar parte e para ter continuidade. Somos moitas as mulleres deste sector, pero precisamos demostrar constantemente o valor do que facemos. Hai moitos estereotipos segundo os roles dentro do sector. Si que é certo que nos últimos anos isto mudou algo, pero aínda queda moito que facer, posto que é unha cuestión sistémica.

Nós somos claramente feministas e apelamos á nosa responsabilidade creadora e ao poder do audiovisual para construír dende aí outro discurso.

Que acabou sendo Illa Bufarda?
Unha empresa que, aínda que consolidada, ten que lidar coa precariedade. Hai meses que cobras e meses que non. Quedar aquí e apostar polo que ti queres facer ten vantaxes, pero tamén ten un custo, e xestionalo quizais sexa o máis complexo. O proxecto, de sólido ten o que significa: está aí e sabemos que é o que nos identifica e nos gusta, que temas nos sensibilizan máis. Iso é unha vantaxe grande porque a xente xa vén a nós sabendo o que facemos. Iso fai que traballemos nun terreo no que estarmos cómodas, con temáticas afíns, o cal é un luxo.

Viñamos dunha xeración onde nos repetían “Se estudas, has conseguir o que queres”. Licenciámonos no 2009 e caeu todo en picado. Non é nin foi doado para nós, tivemos que procurar novas fórmulas sen saber nin que fórmulas había.

imaxen

Sodes emprendedoras?
O sistema do emprendemento sostén un discurso do “se queres podes”, de que se traballas e te esforzas, valo conseguir; un discurso moi nocivo, nada realista. Nin é tan doado nin hai apoio real. Equivale a xogar con toda a ilusión de toda esa xeración frustrada “mercantilízase a ilusión” para aproveitamento do sistema. A nosa ilusión é máis realista, a pequenas doses, pero necesaria para seguir.

O audiovisual é un ámbito onde as mulleres temos dificultade para formar parte e para ter continuidade

Gustariades de compartir o que aprendestes no proceso da Illa, no persoal?
Maduramos na Illa. Foi como vivir o paso da adolescencia á madurez na Bufarda. A Illa achegounos moito, coas súas cousas boas e as súas dificultades. En xeral, deunos ferramentas, habilidades e confianza para a nosa profesionalización e no día a día. A día de hoxe, valoramos todo o traballo que fixemos e o esforzo.

Illa Bufarda permanece, medra, flota. Que saíu ben? Que claves do éxito salientariades?
Podería dicirse que se se entende o éxito como o poder traballar no que nos gusta, no lugar que queremos vivir e na lingua que nos representa…, entón conseguimos moito no noso camiño. A idea de éxito máis estendida, próxima ao poder, non encaixa tanto na nosa forma de entender o mundo.

Se nos puidemos manter 10 anos é que imos por bo camiño. Temos unha imaxe consolidada, seriedade e responsabilidade de cara aos proxectos que facemos con coidado. Tamén poder ampliar o proxecto cunha socia máis foi todo un logro. Ás veces, esquécenos celebrar o que saíu ben, o ritmo de traballo non sempre o permite.

Outra das cousas que evidencian que a Illa vai por bo camiño é poder ter realizado traballos como SEX webserie e Negro púrpura e Fíos fóra, proxectos máis persoais ou propios.

Tamén temos o noso espazo propio de traballo, con continuidade. No global, a suma de moitas cousas lévante a permitirche seguir.

Sodes un equipo humano que sabe traballar de forma colaborativa, co-creando desde o respecto, que sodes todas mulleres e galegas. Desde fóra vésevos valentes, con pulo, como xente que sabe o que quere. Isto é só un gaña pan?
É o noso medio laboral, do que vivimos e que ademais nos permite expresarnos con cada proxecto, e isto é unha sorte. Dentro da Bufarda hai amizade, experiencias vitais que lle debemos á produtora, hai moita vida. Non estamos libres de conflitos, forman parte do proceso de traballo en grupo, pero a vontade de resolver os desacordos que serven para coñecernos, serven para medrar.

Negro púrpura

Como vedes o futuro?
Vemos o futuro incerto; aínda que somos moi previsoras, a realidade non permite facer plans a longo prazo. Mais si está a confianza de que haxa menos incerteza e de que poidamos seguir a facer o que facemos con máis calidade, aínda que de xeito máis estable, sen precariedade.

O sistema do emprendemento sostén un discurso do “se queres podes; nin é tan doado nin hai apoio real.

Que consellos lle dariades a outra xente que queira traballar no audiovisual aquí?
Non hai unha fórmula. Diriámoslle que non hai receitas. Vénsenos á memoria un dos primeiros traballos da Illa, sobre Isaac Díaz Pardo, no que el dicía “As cousas que teñen raíces son as que permanecen no futuro”. Esta frase, moi bonita, ten moito que ver coa Illa, trátase desa coherencia, ese “estar aquí” que tamén nos axudará a permanecer no futuro.

Cómpre ir pouco a pouco, asumir riscos, pero non grandes de máis, botarlle creatividade e, polo menos, durmir máis tranquilas. Nós aínda estamos para recibir consellos, a pesar dos 9 anos de andaina que levamos.

Isto entronca coa formación da Illa Bufarda…
Si, unha actividade que emprega as nosas ferramentas habituais –o audiovisual, a imaxe– combinadas con aspectos de xénero, consumismo, medios… Nas redes sociais tentamos tamén estar actualizadas de cara ás xeracións máis novas, moi expostas a cuestións visuais, medios, redes. Trátase de repensar as imaxes e ver que transmiten, se temos que facer máis dunha lectura do que consumimos, profundar un pouco máis.

Dentro da Escola da Illa, algúns dos obradoiros son de experimentación coa creación audiovisual, por exemplo, unha curtametraxe. O alumnado asume distintos roles: guión, cámara, dirección, produción, interpretación… É importante facilitar ferramentas para a expresión propia e para a análise do que contamos e como o contamos. Isto dá pé a traballar cuestións de xénero, diversidade e falar de cousas que doutro xeito estarían máis invisibilizadas. Tamén, para nós, sermos formadoras é unha aprendizaxe constante co alumnado, sobre todo con outras xeracións diferentes á nosa.

Referentes?
Non se nos contou na universidade que hai xoias no cine galego, realizadores e realizadoras coma o Equipo Lupa, que fixeron recollidas etnográficas que descubrimos de casualidade. Margarita Ledo, co Grupo de Estudos Audiovisuais da USC, recolleu nun libro esta información, pero pode que falte a posta en valor, sobre todo cando ves que os referentes de fóra son tantos e que faltan tamén referentes mulleres. É unha mágoa que haxa que procurar esta información con tanta dificultade. [Para saber máis: https://illabufarda.gal/]