Estamos en tempo de eleccións. Coma sempre, unha tolería. Sempre quedamos apampados con todo o que se di e non se di. Pero hai que quedar cos detalles. Neste caso, o detalle destas últimas eleccións xerais estivo en que foi a primeira vez que puideron votar os 100.000 discapacitados intelectuais de todo o Estado. É algo para celebrar. Ata este momento, un xuíz tiña que dar permiso, un por un, para cada caso. Agora xa non é preciso.
Avanzamos cara a normalizar unha situación anormal. Que houbese cidadáns que non puidesen exercer o seu dereito a voto non era máis que unha anormalidade democrática. Agora xa están en diferentes postos de traballo, en diferentes asociacións, creando arte…
Alégrame moito ver como persoas que hai uns anos estaban totalmente excluídas de toda a vida común, agora xa van atopando lugares de participación. O discurso de Jesús Vidal ao recibir o Goya ao mellor actor revelación pola película Campeones xa era unha mensaxe dirixida a todos nós. Se non a viches, paga a pena que botes uns minutos con ela. Hai que avanzar en moitos camiños. Tamén neste. Está ben que voten e, sobre todo, que non os botemos.