No momento no que escribo isto estamos de cheo na campaña electoral de Madrid. Como é a capital do Reino, “villa y corte”, os medios enchen páxinas e páxinas con información para que sexamos conscientes de que alí estamos a xogar moita cousa. Así estamos ao tanto de que din e como se desprezan os membros da nosa clase política. Un caso significativo é todo o que se leva dito dun noxento cartel de VOX, no que criminaliza os menores estranxeiros, propagando mentiras grosas sobre presuntas axudas. Quen mente fai ruído e non deixa escoitar os rumores, pero de xeito rápido moita xente denunciou o bulo. Institucións como Cáritas ou o Foro de curas de Madrid fixeron unha firme denuncia.
Apelar ao medo aos de fóra é un recurso demagóxico. Abrir os ollos, informarse, contrastar e darse de conta do perigoso que é o populismo. Todos somos de fóra de aquí. Non existen as razas puras, e menos entre os seres humanos. Diversidade, acollida, integración. Ese é o camiño. Como me gusta escoitar a señora que me vende a carne para o churrasco na praza de abastos do Grove, que fala galego co marcado acento das Rías Baixas e castelán co acento do seu país natal no leste de Europa. Non ten sentido poñer valados baseados na pureza ou no medo. Deixemos o pedigree para os cans e sexamos de cores variadas.