Cadroume estes días falar dun tema que preocupa aos pais e nais. Trátase das actividades deportivas das nosas crianzas. É importante que dende noviños fagan deporte porque supón un esforzo, un intento de superación, unha mellora física… Todo son vantaxes. De todos os xeitos hai unha queixa constante. Hai situacións, equipos, deportes… que priman o competitivo fronte ao educativo. Hai mal ambiente entre o público deses nenos e nenas que só queren xogar e aprender. Todos temos escoitado casos. Pero hai que recoñecer que son minoritarios. A meirande parte dos adestradores e animadores de equipos dos pequerrechos queren que a rapazada pase un bo momento e que gocen facendo algo que lles gusta. O meu recoñecemento vai sobre todo por aqueles que traballan deportes minoritarios como as artes marciais e que loitan por facer que os seus deportes sexan máis valorados sen perder as esencias.

O outro día fun a unha competición de iudo da miña filla a un pavillón. Tivo un combate bastante igualado que ao final perdeu. Moito mellorou respecto aos seus comezos nisto e segue pasándoo ben e adestrando con insistencia. Pasámolo ben. Fomos divertirnos. O resultado tanto ten.