Estamos en Pascua e en primavera. É tempo de vida, de rexurdimento, de esperanza e de ilusión. É tempo de vitoria sobre a morte e sobre o “mal rollo”. A vida paga a pena e xa se achegan esas ceas ata tarde e eses momentos nas terrazas dos bares tomando unha bebida fresca.

Como estamos en Pascua o meu párroco dedica un pouco do tempo da Misa en botarnos auga bendita aos presentes. Vai por entre os bancos asperxéndonos co líquido. Lembro dun cura que dicía que o da auga bendita era unha parvada porque a auga era boa xa que era creada por Deus e, entón, estaba bendicida. Realmente nunca bendicía a auga e, cando lle facía falta, botábaa directamente da billa. Non lle faltaba razón.

De todos os xeitos, gústame o momento en que na nosa comunidade nos botan auga. Non é porque crea que teña un poder máxico pero algo ten. Sempre que nos botan a auga bendita a xente sorrí contenta. Ten algo de divertido. Ese é o verdadeiro símbolo. Estamos en Pascua. Viva a vida. Viva a ledicia. Viva a diversión.