Pois non é tan difícil, sempre que se queira. Cóntovos.

Un grupiño de rapaces e rapazas de Lugo montou unha movida de oratoria para a rapazada dos institutos e colexios de Galicia. Están traballando moito e ben, e fan cousas xeitosas.

En Galicia, cada vez hai máis oferta deste tipo de actividades. Están o torneo que organiza a Fundación Barrié ou o Parlamento Xove, que organiza a Xunta.

O Parlamento Xove comezou sendo en galego, pero a presión dos pseudobilingües e a indefinición lingüística dos nosos dirixentes levou á decisión de que tamén fose en castelán, e coñecendo a situación lingüística neste impaís…

Porén, estes rapaces de Lugo, de +Debate, acaban de organizar un torneo de oratoria no Colexio Fingoi o día 10 de maio. Esta actividade únese á do club de debate que organizan varios concellos. As dúas integramente en galego.

Non pasa nada porque a rapazada fale galego, aínda que sexa “obrigada”. Estamos para aprender, e non se ama o que non se coñece.

A ver se o Parlamento Xove volve á aprendizaxe e ao amor, porque non é tan difícil, sempre que se queira.