Andamos algúns bastante enleados traballando o tema da oratoria nas aulas. Tentamos que a rapazada aprenda a expresarse tanto oralmente como por escrito. Sabemos que ser quen de expresar ideas é algo fundamental hoxe en día, como foi sempre. Xa na antiga Grecia sabían da potencia da palabra. Parece mentira que no tempo dos chíos en Twitter e dos “likes” en Instagram sexamos quen de apostar por que os rapaces teñan unha capacidade de crítica e de expresión que vaian máis alá do “zasca” dialéctico. No día de mañá quen sexa capaz de expresarse criticamente terá moito gañado, non só no mundo laboral, tamén na independencia persoal.
Por iso ver un par de oradoras que circulan polas redes dá plena confianza neste labor. Son adolescentes como as que temos nas nosas aulas. Por unha parte, falo de Natalia Lizet López López, unha rapaza mexicana que nun discurso duns cinco minutos expresa o seu orgullo por ser indíxena. Dá moita paz e serenidade vela. Outra rapaza é a sueca Greta Thunberg, que anda a poñer rubios de vergoña os grandes dirixentes do planeta co asunto do cambio climático, dicindo as cousas que os maiores non dicimos.
Son dúas rapazas. Cando recibas isto, estaremos polo 8 de marzo. Oxalá que moitos discursos de moitas rapazas fagan que todos e todas tomemos conciencia de que hai que construír un mundo mellor. En feminino, en plural.