Pois parece que ao final non van as Tanxugueiras a Eurovisión. Pero mira ti que semella que realmente gañaron. Acadaron a simpatía de todo o mundo. Teñen a axenda chea de concertos e actuacións neste verán. Os seus vídeos acumulan milleiros de milleiros de reproducións en internet e este entroido o disfrace que tivo máis éxito foi o de tanxugueira (non si, Marisiña?). Nunca tal se vira nun grupo de música e iso é para aledarse. Volvemos escoitar a nosa música e por fin recoñecemos a súa valía.
Falando de entroido, coñezo bastantes colexios que aproveitaron este entroido para disfrazar os seus alumnos e alumnas de pantallas, cigarróns, xenerais do Ulla… Cando eu era rapaz, no entroido (Carnaval para min e para todos os que me rodeaban) non sabía da nosa riqueza nese ámbito e o único exótico que coñecía era o Ravachol de Pontevedra, que comezaba máis ou menos daquela. Agora os meus fillos saben quen son as pantallas e coñecen ao Meco.
Se as nosas novas xeracións comezan a valorar as nosas cousas, temos motivos para a esperanza. Esta noite hai foliada, esta noite hai serán. Mil seráns máis para as tradicións galegas.