Hai varios autores que din nas súas obras que non hai libro tan malo que non teña algo bo. De todos os xeitos, en xeral, busco achegarme a libros que, amais de entreter, ensinen cousas boas.

Acabo de ler “La invención de la naturaleza” de Andrea Wulf. Con el descubrín a vida e obra de Humboldt, un naturalista do século XIX. Nesta obra descubrín dúas cousas que me chamaron a atención. En primeiro lugar era un home que valoraba o coñecemento e o interrelacionaba. Non era un estudoso de compartimentos que só sabe o seu e nada máis. Estuda a natureza non só como biólogo, tamén coma xeógrafo, físico e incluso poeta. Nun tempo onde os coñecementos parecen estar divididos en ámbitos sen máis (as famosas letras-ciencias) el apostaba por un coñecemento pleno. Non era algo exclusivo del. Todos os científicos cos que contacta non eran só homes de ciencias eran homes de sabiduría. A través del coñecemos a Darwin ou a Goethe.

En segundo lugar foi o primeiro en decatarse do papel do ser humano na modificación do clima. Comeza a decatarse de que a deforestación ten aparellada unha modificación da natureza que perxudica ás persoas. Un avanzado do noso tempo que contrasta con xente que, dous séculos despois, segue a negar a evidencia. Non deixedes de ler. Dun libro sempre se sae con algo novo.