Hai cousas que, aínda aos meus anos, me sorprenden. Unha destas cousas é o Godly Play. Explicar o que é resulta complicado, pero vou intentalo. No Godly Play hai persoas formadas con certa intensidade para contar relatos bíblicos con calma. Para iso, apóianse en imaxes sinxelas e fermosas. Son historias ben contadas que convidan á reflexión e á experiencia.

A primeira vez que fun a unha sesión de Godly Play coeime nun grupo de rapaces e rapazas de 2º da ESO. Ía co convencemento de que iso sería un fracaso. Unha persoa contando unha historia bíblica con pausas, silencios, bonequiños… non me encaixaba dentro dos gustos dos rapaces afeitos a ver vídeos de 15 segundos en redes sociais. Ademais, coñecendo a algúns dos rapaces que non paran na cadeira da aula… Pois fíxose o silencio e a reflexión. Todos eles non perdían detalle de como se movían os personaxes ou como o vento movía a area do deserto.

A segunda vez xa foi nun grupo de adultos. A historia do Templo de Xerusalén. Toda unha reflexión sobre como os homes imos enchendo os símbolos relixiosos de capas e capas sen sentido.

Ao final, cando un ten unha boa mensaxe, hai que coidar a forma, pero non hai que enchela de cousas superficiais. O importante é invisible aos ollos. Deus ten moito que dicir na sinxeleza.