Hai días nos que un sente gana de desapuntarse da Igrexa. A todos nos ten pasado. Ben, pois cando isto pase, o que che aconsello é que vaias á páxina web de axuda á Igrexa Necesitada. A ver, é unha web moi, moi institucional, pero serve para ver desde esa perspectiva moita xente que está a xogar a vida pola súa fe. Testemuñas case diarias dun Evanxeo vivido en serio.

A situación é Nicaragua, as persecucións en Exipto, Nixer ou Siria, os problemas para os que denuncian en México… Todo iso vai enchendo acotío a páxina. Quedo cunha historia simpática que me fixo sentir tenrura. Trátase da historia dunha monxa nicaragüense na zona rural de Estelí. Sor Sandra López fracasou con proxectos para o desenvolvemento, como facer fornos de pan, obradoiros de costura para nais solteiras. Agora atopou o xeito. A cría de cabras para a venda do leite que producen. Despois de fracasar, non se rendeu.

Unha páxina chea de xente que paga a pena. De cristiáns dos que non saen nos telediarios (por desgraza) e que sofren e loitan por un evanxeo vivo e encarnado nas súas realidades. De mulleres e homes que tamén son Igrexa e da boa.