Lembro hai anos que nun concello había unha zona bastante apartada do centro no que tiñan un problema coa iluminación. Por alí non había puntos de luz suficientes e os que había non funcionaban. Os veciños e as veciñas estaban fartos de protestar ante o alcalde, escribir cartas ao xornal e non conseguir nada. Ao final optaron por ir diante do concello ás oito da mañá con potas e bater nelas ininterrompidamente. Ás doce os electricistas do concello estaban arranxando o problema, ante o perigo dunha tremenda dor de cabeza por parte do alcalde.

Coñezo unha muller irimega que está a facer o mesmo xunto cun grupo de mulleres europeas. Están a darlle á pota duramente para reclamar o dereito das presbíteras coma ela a seren recoñecidas pola Igrexa. Van a onde teñan que ir para seren escoitadas. Son afoutas e insistentes. Non paran. Fan ben. Así conséguense tamén dereitos. Ás sufraxistas ninguén lles facía caso hai máis de cen anos. Estou convencido de que dentro de cen anos alguén botará as mans á cabeza e dirá que non entende como non se ordenaban mulleres. A estas mulleres, moito ánimo na súa loita; nós, a ver se nos animamos a darlle á pota. É de xustiza.