A miña tía era unha señora moi boa, moi piadosa e moi preocupada polos seus fillos e fillas. Un bo día, a súa filla maior marchou de viaxe co seu noivo, o cal fixo que a miña tía estivese moi, moi preocupada, non pola viaxe, mais si pola súa moralidade. Ao regresar, colleu á miña prima por banda, sentouna no sofá e preguntoulle a queimarroupa:
- Filla, ti déitaste co teu mozo?
A miña prima, que xa sabía que ía ter que abordar este tema, estaba preparada e respondeu unha frase que, dende entón, é lapidaria na miña familia.
- Mamá, se non queres escoitar determinadas respostas, non fagas determinadas preguntas.
A miña tía, que non era parva, entedeuno á primeira e a partir deste momento evitou facer determinadas preguntas e os meus primos non tiveron que dar determinadas respostas.
Está sendo un Sínodo a nivel da Igrexa e permitiron que se fixesen preguntas sobre o papel das mulleres na Igrexa, o celibato, o papel dos laicos… O papa di que eses temas non son propios do Sínodo, pero se deixaches falar, agora non podes queixarte de que se fagan determinadas preguntas para determinadas respostas. A Igrexa somos todos e non podes esperar só un tipo de preguntas. Se non respondes, entendemos todos e ¡todas!