En outubro de 2017 tocoume facer unha entrevista para esta, a nosa revista, sobre o Proxecto Fratelli. Como non te lembrarás, lóxico, pasaron máis de sete anos, cóntoche.

O Proxecto Fratelli é un proxecto no que participan varias ordes relixiosas. Este desenvólvese en Beirut, Líbano. Trátase de acoller aos nenos e nenas refuxiados, que no Líbano hainos moitos. A súa casa é unha inmensa casa de acollida.

Pois funlles seguindo a pista e fun vendo o que facían. Seguían acollendo e ampliando as súas actividades. A cousa ía ben ata que chegou a guerra, unha vez máis, ao Líbano. Xa sabedes, Israel poñendo a lei do máis forte e arrasando con todo, esquecendo que o ollo por ollo só pide o ollo (que xa abonda) e non todo o corpo.

As noticias que teño dos relixiosos que continúan alí son as seguintes. As diferentes ordes relixiosas pediron que marchasen porque non se podía asegurar a seguridade dos diferentes relixiosos e voluntarios vinculados ao proxecto. A resposta está clara: “Agora é cando a nosa xente máis nos necesita.” E alí están, buscando colchóns, comida e tratando de solucionar as emerxencias de toda a xente que chega. Co ruído de fondo dos bombardeos e as historias dos fuxidos da razón da sinrazón, van construíndo un reino novo. Son os fratelli, os irmáns, os que se toman o Evanxeo como o que é.