O da vivenda está a ser un problema grave. Vivir baixo teito, no canto dun dereito, está a ser, case, un privilexio. Ademais, cando algo altera o alugueiro é para poñerse a tremer. Isto vén por unha historia que me contou unha irimega hai unhas semanas. Polo visto, a súa caseira vendía o piso onde ela residía. O medo viña da posibilidade de que a ela lle subisen o prezo que tiña que pagar. De todos os xeitos, a caseira e vendedora do piso puxo unha condición para quen o comprase: se quería o piso, tería que manter o prezo do alugueiro e así manter á inquilina.

Tamén me gustou a historia dunha familia de xente maior que alugou o seu piso en Santiago a un rapaz que iniciaba o seu traballo xusto o día que comezaba o contrato da vivenda. Era un traballo que non xeraba moita seguridade e o rapaz non podía amosar ningunha confianza. Os donos do piso arriscaron neste alugueiro porque eles tamén tiñan fillos e neles tamén confiaran cando comezaran e todo eran incertezas.

Nun mercado inmobiliario marcado pola desconfianza e a especulación, que haxa xente que non se rexa por eses criterios é unha moi boa nova. Non todo o mundo fai da vivenda un investimento. Hai xente que está convencida de que unha casa debe ser un fogar.