Cando un vai á Romaxe, queda con moitas cousas. Os primeiros anos centrábame moito no texto da celebración, o seu sentido, o ben fiada que estaba. Logo, aos poucos, fun incorporando outros valores. O xantar compartido, o reencontro con xente coñecida. Logo a vida foime levando por outros camiños e da última Romaxe eu valoraría todo isto e ademais… que ao lado da celebración había un parque infantil.
Un chega con tres pícaros coa completa seguridade de que a Romaxe é unha grande experiencia, pero o que pode ser tremendo é o momento da celebración: “Unha misa que dura toda a mañá”, tal e como a define a miña filla maior. A saber como aturalos! Pois tivemos sorte e este ano a organización puxo un parque ao lado para que os raparigos estivesen entretidos.
Porque hai algo que penso que ten a Romaxe. A capacidade de unir xente variada. Tamén a pequechos e pequechas que gozan da festa ao seu xeito. E ver xantar un grupiño de nenos e nenas da man da súa xefa Sabela? Todos devorando empanada e tortilla. Só lles faltaba pedir o café ao final.
A Romaxe, espazo para compartir e gozar. Desde os cero anos ata os 120. E aos 121? Tamén, tamén.