Pois volvemos á loita. Neste caso a loita non é coma todos os anos. Este ano volvemos ao curso cun inimigo co que levamos desde marzo. A COVID volveu, aínda que nunca marchou. E desta volta hai que loitar tamén desde a escola.
Como sabedes, as autoridades educativas estiveron dándolle voltas ao tema das condicións para volver ás aulas e estiveron que volta que dálle. Primeiro que se comezamos dun xeito, logo doutro… e así toleando a toda a comunidade educativa. Explicar todo o que pasou e a cantidade de ordes e contra ordes que levaron á desorde daría para unha novela de moitos capítulos.
E como se está a solucionar o asunto? Pois coa boa vontade da xente que traballa e fai do seu traballo unha vocación cara aos demais. Os equipos directivos colleron de metro e mediron e volveron medir as aulas coma no mito de Sísifo. Protestaron e criticaron nos medios e os medios criticáronos. Neste impaís todo se soluciona co bo facer da xente de abaixo que saca adiante os problemas que xeran os de arriba e que logo farán a súa homenaxe. Entristece como se tratou este tema nos medios galegos e debemos loar mil veces o traballo da boa xente de educación que se arremangou para que non decaia o dereito á educación. Quen solucionará o “marrón” no que estamos metidos? Mestres, sanitarias, limpadores, científicas… Beizóns para todos e todas.