Hoxe os rumores van moi litúrxicos. Como sabedes, todos os libros litúrxicos son grosos, pesados e ocupan boa parte dos armarios das sancristías. Agora iso xa cambiou, coma case todo, grazas á informática e a internet. Hai unha aplicación que se chama iBreviary, na cal está toda a liturxia, a da Misa, a das horas, a de bautizos… Dun xeito bastante sinxelo, pódese ter a aplicación instalada no móbil ou verse na páxina web (ibreviary.com).

Pois por unha vez os galegos imos na dianteira. Ademais de en catro ou cinco linguas, tamén está en galego. Un punto para a nosa lingua e para a liturxia galega.

Pero se isto é boa nova, máis é a quen lle debemos este favor. Trátase do irmán Reboiras. Unha persoa namorada da fe e da lingua. Irimego silandeiro que non falta ás romaxes e traballador incansable pola lingua. A cantidade de materiais en galego que lle debemos é inmensa. Namentres moitos nos queixamos do que hai ou do que non hai, el fai. E faino ben. Con correción, con dignidade. Ninguén lle pode reprochar nada. Realmente non para. Para normalizar o galego na Igrexa precisamos uns catro ou cinco Reboiras. Quen se anima? Traballo non ha faltar.