Hai moitos anos un rapaz, querendo exaltar a unha muller, díxome que tiña os collóns moi ben postos. Logo fixo unha variación que escoitei varias veces: “Ten os ovarios ben postos!”, que é un xeito de dicir algo tremendamente machista tanto nun caso coma noutro porque o valor non é exclusivo dos homes nin da existencia de testículos.

Isto, pouco a pouco, vaise desterrando do noso vocabulario e do noso xeito de pensar. Se cadra tamén axuda a experiencia que moitas mulleres nos dan do seu valor e forza de vontade. Os exemplos son moitísimos e darían para a enciclopedia dos rumores de esperanza.

Un destes exemplos que temos estes días é o caso das mulleres que en Irán están loitando pola súa liberdade. O día 16 de setembro Mahsa Amini foi detida de xeito arbitrario porque un pouco do seu pelo sobresaía do seu velo e misteriosamente morreu na comisaría. Dende entón as manifestacións sucédense en todo Irán, con mulleres que cortan o cabelo en redes sociais ou simplemente quitan o velo, quéimano ou bótano a ondear no aire. Ser rebelde en lugares coma este é moi perigoso. Pódese acabar no cárcere ou coa vida directamente. Tamén son de admirar as nais que saen á rúa en Rusia, para protestaren pola militarización do seus fillos. Son mulleres con moito valor. Collóns non teñen.